CRTVG

Buscar

A cidade de Santiago é o escenario polo que se moven varios superheroes da banda deseñada

Publicado o 24/07/2019 15:38

A cidade de Santiago aparece como pano de fondo en varios libros de banda deseñada. A librería Komic fixo unha selección en que, dun xeito ou doutro, hai pegadas da capital galega. A catedral sae mesmo en Gothan, a cidade imaxinaria de Batman.

Santiago é escenario nunha seleccion de libros de banda deseñada coa que a libraría Komic celebra o 25 de xullo. Nalgúns a trama transcorre nas rúas da cidade, pero noutros aparecen superheroes como Batman ou a patrulla X na catedral do Apóstolo, aínda que moi lonxe de Compostela.

"Aparece a fachada do Obradoiro, pero no caso de Batman está en Gothan Citty, a cidade imaxinaria de Batman, e no caso da Patrulla X está ambientado en Nova York", di Pío Barreiro, propietario da libraría Komic.

Tamén o demo vermello HellBoy aparece nunha historieta diante pórtico da Gloria.
"Curiosamente, tampouco está ambientado na catedral de Santiago. Neste momento está nunha vila do País Vasco", explica Barreiro.

Na selección de Komic hai libros históricos, como o que explica a arte románica no Camiño, de peregrinación, como a que fai un noruegués a Compostela, e de misterio e aventura, como a que vive a adolescente Aleida, con asasinato, homes lobo e templarios incluídos.

"O que máis destacamos, sen dúbida, é este, porque é onde mais se trata a historia da cidade. É xuvenil, pero recomedámolo a todas as idades", sinala o propietario.

Incursións viquingas en Galicia no século XI ou acontecementos contemporáneas na cidade son outros temas na banda deseñada dedicada a Santiago.

Noticias web

24/07/2019