CRTVG

Buscar

A chuvia estraga moitos terreos destinados a praderías para o gando na comarca do Xallas

Publicado o 29/11/2019 14:28

A estas alturas do ano estes terreos deberían ser prados coa herba xa medrando. José Manuel Fernández alterna o millo coa pradería para alimentar as 900 cabezas de gando que ten a súa explotación. Pero o outono máis chuvioso dos que se lembran impediulle recoller o millo en tempo, e agora, coa terra totalmente anegada, non pode tampouco sementar a herba. Xa choveu no verán, explica, e iso atrasou a sementeira do millo, que non se recolleu en tempo, "mesmo moitos aínda o teñen sen recoller e sen sementar a herba".

O problema, explica, non o ten só el. Asegura que nesta comarca do Xallas son moitas as explotacións nunha situación semellante. No seu caso, as 20 hectáreas que ten improdutivas provocaranlle perdas cuantiosas, segundo calcula, porque a escaseza de forraxe terá que suplirse con outra alimentación e as perdas, nestas 20 hectáreas, "poderían chegar tranquilamente aos 40.000 ou 50.000 euros", di.

Por iso, cre que sería necesario habilitar axudas ante estas condicións atmosféricas tan adversas, porque o frío e as xeadas tampouco mellorarán a situación. 

A chuvia deu hoxe unha tregua, pero as previsións apuntan a outra fin de semana pasada por auga.

Noticias web

29/11/2019