CRTVG

Buscar

A chuvia beneficiou todos os cultivos

Publicado o 12/08/2020 20:35

As videiras da Ribeira Sacra son das plantas que máis agradeceron a auga caída nestas dúas xornadas. A chuvia foi moderada, pero continua, e deu un respiro a uns viñedos que xa comezaban a sufrir os efectos de oito semanas de seca.

A auga permitirá que as uvas adquiran o tamaño e peso necesarios para garantir unha colleita abondosa e serve tamén para limpar as cepas de insectos e restos de pragas. Ademais, a chuvia fina infíltrase mellor na terra ca a que traen as treboadas.

Ramón R. Porto, viticultor e fruticultor: "Na Ribeira Sacra, e no resto de Galicia, levabamos dous meses sen que caese unha gota. E iso provócalles estrés ás videiras e fai que as uvas non medren".

Pero non só as videiras se benefician da chuvia. Todos os cultivos de horta agradecen esta auga logo da vaga de calor da semana pasada que obrigou a facer regas mesmo varias veces ao día. O tempo chuvioso trouxo tamén unha baixada de temperaturas, que favorece as árbores que dan froito en setembro, como a pereira ou a mazaira.

Ramón R. Porto, viticultor e fruticultor: "A auga tamén é boa para os produtos de horta, que aquí chamamos rianxo: pementos, tomates e todo o que hai nesta ribeira miñota. Pero tamén para o castiñeiro, a nogueira a mazá que darán froito dentro dun mes".

Con todo, non convén que a chuvia se prolongue demasiados días porque nese caso alterarían a maduración dos froitos.

Noticias web

12/08/2020