CRTVG

Buscar

Son xa 56 os mortos na China pola pneumonía de Wuhan

Publicado o 26/01/2020 02:44

* Detectados casos no Canadá e Portugal

* Á espera das análises no caso dun turista chinés hospitalizado en Granada

Aumentan a 56 os mortos e a case dous mil os contaxiados na China polo coronavirus. O último informe da Comisión Nacional de Sanidade chinesa confirmou que este sábado faleceron 15 persoas e se identificaron case 700 novos casos de contaxio. A mesma fonte asegura que 325 doentes atópanse en estado grave mentres que outros 50 superaron con éxito a infección e recibiron a alta.
O Canadá anunciou o seu primeiro caso. Localizouse na cidade de Toronto. As autoridades sanitarias confirmaron que as probas realizadas a un doente revelaron a presenza do virus chamado 2019-nCoV pola Organización Mundial da Saúde. As autoridades sinalaron que están á espera de que novas probas confirmen o positivo.
Este sábado dábase tamén o primeiro caso sospeitoso en Portugal. O doente está hospitalizado en Lisboa. Segundo a Dirección Xeral de Saúde portuguesa, trátase dunha persoa que regresou este sábado da cidade de Wuhan. Segundo o último parte médico, a súa situación clínica é estable e os médicos están á espera dos resultados das análises practicadas.
A mesma situación de espera se vive en España cun varón chinés procedente de Wuhan, que viaxou de vacacións a España. Foi ingresado en Granada ante a sospeita de que poida estar infectado polo coronavirus.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/01/2020