CRTVG

Buscar

A cepa británica avanza rapidamente en Portugal: calculan que nun par de semanas a maioría de contaxios será por esta variante

Publicado o 23/01/2021 15:43

Portugal é o país coas taxas de infección e mortalidade máis altas do mundo. A cepa británica avanza rapidamente e hai moita preocupación porque calculan que nun par de semanas a maioría de contaxios de coronavirus será por esta variante. Mentres, xa detectaron outra cepa potencialmente máis perigosa aínda.

Cando están tomando medidas para evitar que a cepa británica supercontaxiosa se espalle máis, mesmo pechando escolas e institutos, as autoridades portuguesas localizaron en Lisboa un caso da cepa surafricana. Aínda que sexa só un caso saltaron as alarmas porque segundo o Instituto da Saúde Pública é unha variante aínda máis contaxiosa e perigosa que a británica. Mentres, os datos de Portugal son catastróficos e nin sequera se sabe se están no pico desta terceira vaga. Ao colapso nos hospitais, sen camas nin espazo para almacenar cadáveres, hai un dato que soubemos agora que preocupa. Hai case 11 mil sanitarios infectados agora mesmo. E con todo este panorama mañá os portugueses irán ás urnas elixir presidente, o xefe do Estado non o xefe do Goberno, e farano no medio dun confinamento xeral e cos peores datos da pandemia. 

 

 

Noticias web

23/01/2021

Máis sobre actualidade