CRTVG

Buscar

A calor continuará na provincia de Ourense tras unha xornada a 36 graos

Publicado o 07/07/2020 21:39

Moita calor a de hoxe non só aquí, na cidade das Burgas, senón tamén na bacía do Miño, todo o sur da provincia de Ourense, e a comarca de Valdeorras. Houbo ata as nove da tarde un aviso amarelo por temperauras máximas superiores os 36 graos que en varias localidades se superaron de sobra. E, ollo, porque esta mesma situación repetirase mañá cos termómetros acadando mesmo os 38 graos de máxima. Haberá de novo un aviso amarelo por altas temperaturas, e non só en Ourense, senón tamén coma hoxe, no Miño de Pontevedra.

Os termómetros xa advertían en Ourense que esta non era unha xornada para pasear demasiado cedo. Ao acubillo das sombras e abano en man, quen máis e quen menos apuraba o paso para fuxir do sol.

Demasiada calor na cidade, pero tamén nos arredores. Ourense acadou os 38 graos igual que Leiro, A Arnoia ou Valdeorras. Hoxe era imperativo achegarse ata a auga.

E igual que nunca chove a gusto de todos o mesmo pasa coa calor. Semella que todo é unha cuestión de percepcións.

Iso si, a calor non impide que se esqueza a importancia de coidarnos. Nin sequera preto dos corenta graos.

A calor seguirá presente no sur de Galicia nas vindeiras horas cun novo aviso amarelo por temperaturas que outra vez poderían superar os 36 graos.

Noticias web

07/07/2020