CRTVG

Buscar

A borrasca Gloria remite deixando tras de si 13 mortos, 4 desaparecidos e danos millonarios

Publicado o 24/01/2020 20:42

A borrasca Gloria remite, tras bater récords de ondada, vento e precipitacións de auga e de neve en todo o leste peninsular. E o peor, "Gloria" deixa tras de si, ata o momento, 13 mortos e 4 desaparecidos, que aínda continúan a buscar, tres deles nas Baleares. O que si continúan son os problemas de mobilidade e de subministración. O rebordamento dos ríos e a neve manteñen 13 estradas cortadas en todo o leste. Máis de 20 torres de media tensión están afectadas e en Xirona centos de veciños están sen luz desde antonte.


"Estamos sen luz desde antonte ás once da noite". "Contestáronnos dun xeito sistemático que houbo un incidente de última hora e isto xa dura tres días", din unhas veciñas afectadas.

Os danos materiais causados por "Gloria" son millonarios. O mar entrou ata tres quilómetros no delta do Ebro, estragando decenas de hectáreas de cultivos. Piden que se declare a zona catastrófica. Tamén o Concello de Barcelona vai pedir a declaración do seu litoral como zona catastrófica. A albufeira de Valencia comezou a desaugar de maneira natural a gran cantidade de auga recibida estes días, mentres os técnicos avalían os danos nas dunas de moitas praias, que nalgúns casos desapareceron. O presidente do Goberno, que xa estivo nas Baleares, visitará esta fin de semana o resto das zonas afectadas. Pedro Sánchez anunciou que o Goberno estuda adoptar medidas inmediatas para modificar o actual sistema de axudas para paliar as consecuencias provocadas por borrascas tan potentes como "Gloria".

Noticias web

24/01/2020