CRTVG

Buscar

A borrasca Beatriz reactiva o aviso laranxa no litoral e o amarelo por vento e chuvia

Publicado o 08/11/2018 20:05

Un dos lugares máis afectados polo aviso laranxa no mar, activo desde as doce da mañá, é a costa atlántica. A choiva tamén foi constante, sobre todo a primeiras horas da mañá. Malia o mar batido que vén, os percebeiros traballaron nesta costa, abandonaron as rochas contra as dez e media da mañá. Todo o resto da frota está amarrada. Mañá tampouco poderán saír e xa non saíron onte. 

En Pontevedra

As ondas xa amosan a súa bravura en localidades como Baiona. Aínda así esta mañá foron moitos os que saíron ao percebe na costa de Baiona á Guarda ata as doce hora do comezo do aviso laranxa no mar.

Os habituais desta zona non se sorprenden do mal tempo de novembro. Moito máis lle afecta á xente que vive do mar que xa ven toda a semana perdida, xa que onte tampouco puideron saír e pasan as xornadas revisando aparellos e achicando a auga das embarcacións.

A choiva tamén foi constante, sobre todo durante as primeiras horas da mañá confirmando o aviso marelo por choiva para toda a xornada. O mal tempo continuará en Pontevedra mañá cun aviso por choiva laranxa e marelo no mar.Ata a tarde do sábado non mellorará o tempo.

Na Coruña

O mar bate con forza na costa da Coruña. Porque desde as doce deste mediodía hai aviso laranxa no litoral atlántico por mar combinado con ondas de entre 5 e 6 metros de altura media. Os barcos, coma estes de Camariñas, volveron quedar amarrados. Mañá tampouco poderán saír ao mar. Seguirá o aviso laranxa durante toda a xornada.

E en terra hai un aviso amarelo por chuvia en todas as comarcas do litoral, no sur de Fisterra. Pola tarde, poderán acumularse 40 litros por metro cadrado en 12 horas. Por vento, a estas horas xa non hai aviso, pero soprou con forza pola mañá. Os refachos chegaron aos 90 quilómetros por hora en Camariñas ou aos 100 quilómetros por hora en Fisterra.

Lugo

Na provincia de Lugo hai arestora alerta amarela no litoral mariñao por mar de fondo do noroeste con ondas de catro a cinco metros. 

A situación empeorará pola noite, cando o nivel de alerta suba a laranxa por mar combinado do noroeste con ondas de cinco a seis metros. En canto ao vento, pola mañá os refachos superaron os 80 quilómetros por hora na costa lucense, unha situación que se repetirá, e mesmo empeorará, na xornada vindeira, posto que se agardan refachos de máis de 100 quilómetros por hora. 

Ourense

En Ourense, o temporal comezará a azoutar con forza mañá, cando case toda a provincia estará en aviso amarelo por fortes precipitacións.

Unha chuvia que xa se fixo notar hoxe en distintas zonas. A máis afectada, a Baixa Limia, onde xa se recolleron máis de 15 litros por metro cadrado. Precipitacións que poden ser en forma de neve por riba dos 1.400 metros, onde os termómetros caeron a valores negativos.Un temporal que trae consigo tamén fortes refachos de vento nas zonas de montaña. O refacho máximo na provincia de Ourense foi de 87 quilómetros por hora  e rexistrouse en Xares, na Veiga.

 

Noticias web

08/11/2018