CRTVG

Buscar

A Banda Cultural de Salceda de Caselas estrea unha marcha desde o confinamento

Publicado o 09/04/2020 14:37

Os integrantes da Banda Cultural de Salceda de Caselas pasan estes días de confinamento nas súas casas. Sen ensaios nin concertos, con ganas de tocar e habituados a pasaren tempo xuntos, decidiron unirse virtualmente, gravar e estrear unha composición escrita polo seu director, unha marcha titulada Cultural.

Juan Lois Diéguez, director da Banda Cultural de Salceda de Caselas e compositor: "Acostumados a estar moito tempo xuntos, con ensaios e actuacións, quixemos facer unha actividade en que puidésemos manter minimamente todo o que facemos no día a día, e tratouse de neste caso unha estrea virtual dunha marcha dedicada á propia agrupación".

Fran Troncoso, músico: "Para a elaboración do vídeo, pedíuselles aos compoñentes da Banda Cultural de Salceda que gravasen sobre unha claqueta midi, que se realizou por ordenador, que servía de referencia para o tempo e para a afinación. Despois, a medida que as gravacións nos ían chegando, iámolas xuntando cun programa de edición de audio e axustando certos parámetros".

Na gravación non falta o humor. Unha das marcas de identidade da Banda de Salceda de Caselas, integrada actualmente por 104 músicos.

Álex Rodríguez, músico: "Intentamos seleccionar eses momentos máis divertidos que enviou a xente, un pouco o reflexo do que sería unha actuación nosa e que sempre intentamos trasmitir un pouco de humor e ledicia, que nestes momentos é moi importante".

Cultural nace como unha inxección de ánimo aos veciños e para agradecerlles o esforzo por quedar na casa e contribuír así a erradicar a pandemia.

Noticias web

09/04/2020