CRTVG

Buscar

A axenda xudicial marca a negociación entre ERC e PSOE

Publicado o 09/12/2019 08:17

Semana clave nas negociacións de Goberno. En ERC, que mañá se reúne co PSOE en Barcelona, arrefrían as expectativas de alcanzar un acordo para investir a Pedro Sánchez antes do 19 de decembro, data en que o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea se pronuncia sobre a inmunidade de Oriol Junqueras. O Rei comeza tamén mañá a rolda de consultas para constatar se Sánchez ten apoios suficientes para ser investido. 

Mentres socialistas e republicanos traballan unha proposta conxunta de mesa de diálogo para mañá, unha cita en Barcelona que será clave para fixar a data de investidura, os de Esquerra poñen enriba da mesa unha axenda xudicial que pode condicionar os pasos que dean nesa negociación. Marcado especialmente no calendario o día 19, cando o Tribunal de Xustiza da Unión Europea dite sentenza sobre se lle recoñece a Oriol Junqueras a inmunidade parlamentaria.

Roger Torrent, presidente do Parlamento de Cataluña: "Oriol Junqueras debe poder perfeccionar a súa condición de europarlamentario, e isto ten que supoñer a inmunidade parlamentaria que lle permitiría non só exercer como tal, senón presentarse eventualmente a unhas eleccións ao Parlamento de Cataluña".

Fronte á premura dos socialistas por garantir a investidura de Sánchez, ERC ten menos présa. Os republicanos aseguran estar máis preocupados polos puntos do acordo ca polos tempos.

"Porque o importante non é a rapidez con que se poida construír esta solución democrática, ou estas vías para canalizar a solución democrática, senón o feito de poder ter uns instrumentos e ter unha vía activada que sexa firme, que sexa clara, e cuns compromisos claros", dicía Marta Vilalta, voceira de ERC. 

O Partido Popular pide "luz e taquígrafos" nas negociacións dos socialistas con Esquerra Republicana.

Cuca Gamarra: "Temos, teñen os españois, dereito a coñecer o prezo da factura que ten que pagar Pedro Sánchez ao independentismo para volver ser presidente do Goberno dos españois, que prezo e que factura temos que aboar os españois para que el sacie a súa ambición de volver ser presidente de España a calquera prezo".

Desde Ciudadanos, reclámanlle a Sánchez directamente que rompa con Esquerra na reunión de mañá.

Lorena Roldán: "Que o señor Sánchez se sume aos constitucionalistas, está aínda a tempo de rectificar e apelamos á súa responsabilidade. De feito, este mesmo martes ten unha reunión con Esquerra Republicana e pedímoslle que aproveite esa reunión para romper con Esquerra Republicana, para que no canto de sentar con aqueles que queren tombar a Constitución sente cos constitucionalistas".

E en todo este proceso, Junts per Catalunya non se resigna a un papel secundario. O ex-presidente Carles Puigdemont mais Quim Torra reúnense hoxe en Bruxelas cos deputados da formación no Parlament, no Congreso e no Senado, para abordar as negociacións sobre a investidura e fixar unha posición común en todas as institucións.

Noticias web

09/12/2019