CRTVG

Buscar

A Axencia Española de Medicamentos augura unha vacina contra a COVID-19 antes de dous anos

Publicado o 21/07/2020 20:52

"Dámoslle a benvida ao estudo e felicitamos os nosos colegas do Instituo Xeral da Universidade de Oxford e o seu grupo de vacinas". O director de Emerxencias da Organización Mundial da Saúde felicita o equipo da Universidade de Oxford que acaba de probar con éxito a súa vacina contra a COVID-19. Lembra que aínda queda un longo camiño para que poida estar no mercado, pero os prazos acúrtanse.

"O tempo medio para desenvolver unha vacina son case dez anos, pero estimamos que unha vacina eficaz e segura para a covid-19 podería estar antes de dous", asegura María Jesús Lamas, directora da Axencia Española de Medicamentos.

Durante a súa comparecencia na Comisión de Sanidade e Consumo, asegurou que algunha das vacinas máis prometedoras xa se presentaron á Axencia Europea de Medicamentos para a súa avaliación. E neste proceso España vai xogar un papel relevante. "Teño a satisfacción de anunciarlles que España foi designada para a súa avaliación. Isto proba o elevado nivel científico-técnico dos nosos avaliadores e o recoñecemento que teñen entre os seus homólogos europeos", engade.

O seguinte reto será a súa fabricación a grande escala para que estea dispoñible en todo o mundo. O máximo dirixente da OMS pide consenso para que esta vacina sexa un ben público global.

"Para unha distribución xusta, e especialmente o acceso ás persoas sen recursos, o elemento máis importante é o compromiso político", advirte Tedros Adhanon Gebreyesus, o director xeral do organismo das Nacións Unidas.

Noticias web

21/07/2020

Máis sobre actualidade