A auga doce baixa a salinidade no mar e afecta os bancos marisqueiros
Logo dos días de festa hoxe recuperábase a actividade na confraría de Noia, pero o panorama non daba para moitas alegrías.
O marisco, berberecho e ameixas, morre porque a salinidade da auga é demasiado baixa. Aquí desemboca o Tambre, un dos ríos máis caudalosos de Galicia, e máis aínda con todo o que choveu. Hai dez días houbo que abrir as comportas da presa, e a auga doce entrou con forza na ría.
Ameixas e berberechos son especies de esteiro, así que están en zona sensible. A alarma adoita dala a ameixa babosa, e xa o luns apareceron exemplares mortos. A primeira medida foi pechar eses bancos máis próximos ao río para deixar que se recuperen.
Houbo que volver cara a boca da ría, a bancos que xa tiñan máis traballados, así que tamén rebaixaron os topes de captura. Collen menos quilos e din que as zonas que pecharon eran máis de ameixa, que é o que mellor se paga, sobre todo nestas datas. Con todo a campaña está a unha semana de rematar e foi boa, así que o que preocupa agora é que sobreviva a cría.
A pé ou en embarcación, case 1500 persoas traballan na Confraría de Noia. Esta campaña, que comezaron en setembro, contan superar os 18 millóns de euros con case dous millóns e medio de quilos apañados.