CRTVG

Buscar

Condenan a nove anos de cárcere un home por agredir sexualmente a filla

Publicado o 06/11/2019 17:06

• Abusou durante máis de tres anos da menor cada semana 

Condenan a nove anos de cárcere un home por agredir sexualmente a filla

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a nove anos e tres meses de cárcere un home por agredir sexualmente a súa filla, nacida en 2005, durante un período de tempo indeterminado, pero polo menos entre 2013 e 2016, cunha frecuencia "practicamente semanal".

A Fiscalía tamén acusaba a avoa e a nai da menor. O tribunal, con todo, considera que non quedou acreditado que a avoa "tivese constancia de que a nena era abusada, agredida" e destaca que tamén sufría a violencia do seu fillo. A muller, segundo a resolución, "tiña como prioridade, dada a súa simpleza, a defensa da fama da familia, do seu propio fillo".

Respecto á nai, os xuíces conclúen que "carecía de capacidade real para actuar en cumprimento do deber do garante", pois padece unha discapacidade intelectual leve, "o que favorecía que a súa capacidade de decisión, de opinión, dentro da familia, fose inapreciable". O tribunal sostén que "non soubo reaccionar" debido "á súa discapacidade e polo ambiente familiar en que se atopaba, de absoluta anulación".

A Audiencia tamén lle impuxo ao acusado dez anos de liberdade vixiada, a privación da patria potestade respecto dos seus tres fillos menores e a prohibición de comunicarse por calquera medio e aproximarse a eles durante quince anos. 

Os xuíces relatan que a convivencia do núcleo familiar "estivo presidida polos comportamentos violentos do condenado cos demais membros da familia, polas condicións económicas precarias, pola mínima capacidade dos adultos para a solución dos conflitos, pola simpleza dos seus caracteres e polo illamento social". Todos estes problemas, segundo o tribunal, estiveron "favorecidos polo habitual consumo, abusivo, de alcol por parte deses adultos, dos tres, os cales chegaban, con frecuencia, á borracheira".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí