CRTVG

Buscar

A Asociación PontePatas visibiliza a adopción de cans percorrendo o Camiño de Santiago

Publicado o 03/11/2019 15:45

Jota convértese hoxe na protagonista desta historia, aínda que non lle guste moito. Ela é un dos animais que dende a asociación pontevedresa PontePatas e a protectora Os Palleiros poñen en disposición de adopción, un trámite que se complica aínda máis porque pertence a unha raza considerada potencialmente perigosa.

Para Gloria Cubas, Presidenta da Asociación Os Palleiros "estes cans por ser considerados potencialmente perigosos, son máis complicados, porque hai máis requisitos, e a xente tenlles moito medo. Porén dicir que son cans normais, que non comen nenos e que todo vai na educación, non na raza".

Para dar visibilidade á adopción de cans, estas asociacións pensaron en facer o camiño de Santiago cumprindo varios tramos da ruta portuguesa. Trinta cans cos seus respectivos donos e tamén aqueles que están en adopción. Empezaron en setembro e esta fin de semana o obxectivo era chegar a Santiago e pasalo ben en compañía destes nobres animais.

"Penso que o mellor que me puido pasar no mundo foi coller a cadela, porque obrígame a saír, non a rúa, senón as excursións, que o pasamos moi ben. O que se socializan os cans....", comenta unha das participantes.

"Estes cans primeiro tívenos en acollida, e agora son meus. Son cans abandonados os tres... E a experiencia é incrible... a xente marabillosa, o trato coa protectora é estupendo e aparte, a eles vénlles fenomenal", afirma outra propietaria.

Esta mañá o grupo de cans gozou coma nunca a súa particular ruta xacobea, e unha recepción moi especial con gaiteiros incluídos que os estaban esperando ao pé da praza do Obradoiro.

"Hai sitios onde estivemos xantando e ningúen se enteraba de que a súa carón había trinta cans. Iso para nós é unha satisfacción, e dar tamén visibilidade e dicir: Podo facer o Camiño de Santiago co meu can, con un, con dous, con tres... e non pasa nada", relata Lisi Fernández, secretaria da Asociación PontePatas.

A asociación entregou a correspondente compostela canina a cada un dos animais, dos que seis deles están en disposición de ser adoptados a través do correo que pon en disposición a protectora. Jota, a cadela que empezou esta historia, tamén a vai rematar, esta vez en Santiago, e esperando que alguén a acolla e lle ofreza unha nova oportunidade.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/11/2019