CRTVG

Buscar

A Asociación Amicos adapta un colexio electoral para persoas con discapacidade

Publicado o 26/05/2019 14:57

Desde primeira hora da mañá o colexio electoral de Comoxo, en Boiro, loce na súa porta un pictograma informativo que indica que esta escola de educación infantil hoxe é tamén lugar de votación. O mesmo ocorre coas mesas electorais e coas urnas. A Asociación Amicos adaptou o lugar para que as persoas do seu centro e calquera que o precise poida participar autonomamente, despois de que as persoas incapacitadas xudicialmente recuperaran o dereito ao voto.

"O que fixemos foi traballar por grupos. Ensinarlles o que é votar, ao Congreso, ao Senado, ao Parlamento europeo, ao Concello... Ao concello téñeno bastante claro. Traballamos con materiais cognitivamente accesibles, para que eles poidan entendelo. E formámolos en todo o que supón o proceso de exercer o teu dereito ao sufraxio activo", di Sonia Fuentes, psicóloga da Asociación Amicos.

Así que cando a media mañá chegan dez electores que veñen do centro xa coñecen cales son os seus dereitos, como poden exercelos e tamén o significado que isto ten para eles.

"Preparámolo especialmente ben, tanto persoas con autismo, persoas que non saben ler nin escribir, persoas con dificultade. Para que poidan ter o mesmo dereito ca todos: o noso dereito a elixir e a ser cidadáns españois", onta Marcelino.
"Sentirse como un máis, como unha persoa máis deste mundo", di Manuel.

Nesta ocasión faltou outra adaptación: as urnas baixaron á rúa porque non todos os votantes puideron subir ao colexio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/05/2019