CRTVG

Buscar

A Arxentina anda nos 2.000 casos diarios de COVID e chega a 948 mortos

Publicado o 19/06/2020 07:50
A Arxentina anda nos 2.000 casos diarios de COVID e chega a 948 mortos

A Arxentina sumou este xoves 1.958 casos de coronavirus no seu territorio, e os contaxios totais ascenderon a 37.510, mentres que 35 persoas perderon a vida pola enfermidade e xa son 948 os decesos confirmados, segundo fontes oficiais.

En ambos os casos, tanto de positivos como de falecidos, son as cifras máis altas rexistradas nun día, de xeito que os números evidencian o peor momento do país desde que comezou a pandemia.

O Ministerio de Saúde arxentino informou no seu informe vespertino de que 1.106 dos novos casos se rexistraron na provincia de Bos Aires e 692 na cidade de Bos Aires.

O principal foco de contaxios no país austral é a área Metropolitana de Bos Aires (AMBA), onde viven preto de 13 millóns de persoas, que está conformada pola capital -conta con Goberno autónomo- e polo amplo cordón urbano que a rodea e que está administrado pola provincia de Bos Aires.

Entre ambas representaron o 91,8 % dos casos confirmados en toda A Arxentina.

Por detrás delas situouse a provincia norteña do Chaco, que informou de 68 casos e totaliza 1.475 positivos.

Na AMBA e nas zonas de risco do Chaco e outras provincias permanece vixente a corentena obrigatoria polo menos ata o 28 de xuño, mentres que o resto do país pasou a unha fase de "distanciamento social obrigatorio".

Do total de 37.510 persoas afectadas, o 2,8 % foron casos importados, o 38,4 % foron contactos estreitos de casos confirmados, o 40,9 % foron produto da circulación comunitaria e o resto atópase en investigación epidemolóxica.

A Arxentina iguala o seu récord de falecidos

Por segundo día consecutivo, o país suramericano lamentou 35 mortes por COVID-19. Dezaseis delas foron na cidade de Bos Aires, trece producíronse na provincia de Bos Aires, tres tivo Río Negro (sur), dous O Chaco e unha Neuquén (sur).

Foron 18 homes, 16 mulleres e unha persoa da cal non se especificou sexo, con idades entre os 47 e os 100 anos.