CRTVG

Buscar

A área de Pontevedra adía as operacións non urxentes pola presión hospitalaria

Publicado o 28/10/2020 12:58
A área de Pontevedra adía as operacións non urxentes pola presión hospitalaria

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés decidiu suspender as intervencións cirúrxicas non urxentes, "co compromiso de retomar" esta programación asistencial no momento en que "epidemioloxicamente sexa posible" e "a presión asistencial se normalice".   

A hospitalización de pacientes con covid-19 incrementouse gradualmente nas últimas datas, pasando de 19 pacientes o 21 de outubro a 45 enfermos este mércores, coas "consecuentes necesidades de camas" para atender esta patoloxía, recoñecer a área sanitaria. 

No comunicado remitido, a administración sanitaria roga "desculpas" polas "incomodidades" que esta situación poida xerar entre os usuarios. En todo caso, lembra que a adopción destas medidas de organización "extraordinarias" "sempre teñen como prioridade a seguridade de pacientes e profesionais", así como "o ben da comunidade como colectivo social".