CRTVG

Buscar

A área sanitaria da Coruña segue á cabeza en contaxios pero baixa o ritmo de crecemento

Publicado o 22/08/2020 14:29

A área sanitaria da Coruña-Cee segue sumando contaxiados. O último informe da Consellería de Sanidade recolle 53 casos novos en 24 horas. En total, hai 1.167 casos activos nesta área sanitaria. Máis do 54 % dos rexistrados na comunidade.
Hai que lamentar, ademais, o falecemento de dúas mulleres de 91 e 89 anos ingresadas no CHUAC e dun home de 92, usuario da residencia de anciáns Orpea, de Culleredo, que nestes momentos ten catro traballadores e dez anciáns infectados.

A cidade da Coruña concentra a maior parte dos contaxios da área sanitaria e dentro da cidade, os barrios con máis casos son os Mallos, o Ventorrillo, a Agra do Orzán e a Sagrada Familia.
O comité técnico decidiu onte manter de momento as restricións actuais pero o luns reúnese outra vez e non se descarta que poida amplialas para axudar a aplanar a curva de contaxios.
Os alcaldes da área metropolitiana pediron a axuda da poboación: que eviten reunións de máis de dez persoas e que cumpran coas normas establecidas.
A Policía Local de Cambre, por exemplo, multou 80 persoas por non levaren a máscara nas últimas dúas semanas.

Ao tempo, seguen adiante o cribado entre xente nova na Coruña e as probas aos colectivos máis expostos nos concellos próximos. O luns vanas facer no de Culleredo.
Nas últimas 24 horas fixéronse 1.493 PCR nesta área sanitaria.

Noticias web

22/08/2020