CRTVG

Buscar

A anulación das probas da operación Trucarro deixa o xuízo visto xa para sentenza

Publicado o 18/01/2019 18:26

Hoxe quedou visto para sentenza o xuízo da operación Trucarro contra a manipulación da quilometraxe de coches de ocasión. E todas as partes dan por feita a absolución dos acusados, porque non queda ningunha proba contra eles. O tribunal anulou as escoitas telefónicas, e toda a investigación que deriva delas. Un xuízo que en principio ía durar case un mes, liquidouse nunha mañá.

Estaba previsto que o xuízo da operación Trucarro rematase o 14 de febreiro, despois de 17 sesións. Había que reproducir centos de escoitas telefónicas e escoitar as declaracións de ducias de acusados, testemuñas e peritos. Pero todo rematou hoxe e cun final sorprendente: a anulación de toda proba, contaminada, segundo coinciden defensas e acusacións, pola nulidade dunhas escoitas telefónicas que se realizaron de xeito irregular, derivadas doutro caso.

Manuel Ferreiro, avogado dun empregado do taller: "A sentenza vai ser absolutoria porque non se presentou proba. E o fiscal vai argumentar de cara a Madrid que se vulnerou o dereito á tutela xudicial efectiva porque quedou sen probas e, por tanto, indefenso".

O alemán Johann Grimm era o que máis arriscaba. A el, e aos seus catro empregados, atribuíanlles a manipulación dos contaquilómetros de vehículos de ocasión que despois venderían os concesionarios e talleres por riba do valor real. Unha suposta estafa cifrada en máis de oitocentos mil euros que, finalmente, quedará en nada por falta de probas.

Evaristo Nogueira, avogado de Johann Grimm: "Rematan dez anos e pico en que o meu defendido sufriu as consecuencias da chamada pena do banco. Gustaríame manifestar, segundo me pediu o meu cliente, que el non cometeu ningún delito".

A Fiscalía intentou entregar novas probas da validez das escoitas, pero foron desestimadas por presentalas fóra de prazo. Mantén, así e todo, a acusación contra todos os imputados que chegaron a xuízo, menos un: o ex-alcalde de Ribadumia José Ramón Barral que foi o único que declarou hoxe ante o tribunal por petición da acusación particular. Negou que se lucrara da venda dun coche co contaquilómetros manipulado.

Carmen Ventoso, avogada de José Ramón Barral: "A acusación particular, inicialmente, quixo manter a acusación, pero non se puido e tivo que retirala".

Ramón Montenegro, avogado da acusación particular contra José Ramón Barral: "Queda a salvo a acción civil polo prexuízo do contrato. Agora poderase reclamar en vía civil o importe do vehículo e devolvelo onde foi comprado con trucaxe".

O propio xuíz avanzou que é fácil prever a sentenza, ante a falta de probas. Cabe, non obstante, o recurso ao Tribunal Supremo.

Noticias web

18/01/2019