CRTVG

Buscar

A alerta por tormentas preocupa os viticultores da Ribeira Sacra

Publicado o 18/09/2019 14:49

Un terzo do cento de adegas inscritas no Consello Regulador da Ribeira Sacra xa comezou a vendima. Cando o resto está a piques de iniciar a campaña, a alerta por tormentas preocupa os viticultores. Temen que a sarabia ou os fungos estraguen boa parte da que promete ser a mellor colleita da historia, con sete millóns de quilos de uva.

"Aquí, por exemplo, en Quiroga, e no Sil, é o primeiro día que chove. Nos días anteriores non chovera nada. Caeron oito litros pola noite, o que en principio non lle vai supoñer ningún problema. Incluso lle pode ser bo. Outra cuestión é se isto se cerra e segue moitos días continuadamente. Nalgúns sitios, coa uva madura para sacar, pode supoñer que comezase a podrecer. Á outra, que aínda lle faltan dez días ou dúas semanas, non lle supón ningún problema", di José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeira Sacra.

"Isto, de entrada, non lle afectou. Mentres veña auga mansiña non ten problema ningún. O problema vén se é moi continuo e pode empezar a podrecer, a coller botrite. Pero, de momento, nada. Está moi boa, con acios bos e pretiños. Unha marabilla".

Algunhas adegas da Ribeira Sacra xa remataron a vendima, mentres que o resto apurará nos días vindeiros a recollida da uva. Polo de agora, só se vendimou unha décima parte da produción total.

"Xa hai catro que remataron a súa vendima. Para esta fin de semana pois será esa gran fin de semana de vendima. Este e sobre todo o próximo, na semana seguinte. Esperamos acadar eses sete millóns de quilos que nos fan falta para a comercialización nas nosas adegas. Este ano entendo que estaremos nesas cantidades", relata José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeira Sacra.

Se todo vai ben e as viñas non sofren ningún revés meteorolóxico, os adegueiros da Ribeira Sacra agardan comercializar este ano uns cinco millóns de litros de viño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/09/2019