CRTVG

Buscar

A alcaldesa da Coruña destitúe a concelleira de emprego, secretaria xeral do PSdeG na cidade

Publicado o 11/11/2020 08:44

“Nula dedicación ás tarefas de goberno”, “absentismo laboral” e “falta de lealdade”, eses son os argumentos en que se basea a alcaldesa da Coruña para cesar a que ata hoxe foi a súa concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo. Dáse a circunstancia, ademais, de que Eva Martínez Acón é a secretaria xeral do PSdeG na cidade e persoa da máxima confianza do lider socialista, Gonzalo Caballero.

Inés Rey, alcaldesa da Coruña, argumenta que, a estas alturas de ano, a concelleira cesada só executara algo máis do 15 % do presuposto do seu departamento, a pesar de ter dedicación exclusiva ao seu labor. Pola súa banda, Eva Martinez Acón declarou que o seu cesamento se debe a que como secretaria xeral do PSdeG-PSOE lles reclamara a algúns membros do grupo municipal as achegas económicas que ao parecer lle deben ao partido.

Martinez Acón queda a partir de agora sen soldo e sen dedicación, pero asegurou que vai continuar acudindo aos plenos por lealdade cos militantes e cos seus votantes.

Noticias web

11/11/2020