CRTVG

Buscar

800 'clicks' de Playmobil nunha cidade de Nadal

Publicado o 16/12/2019 15:25

Explican que é un diorama, a fotografía dun momento, dun momento nunha cidade. O momento é o Nadal, a cidade é a cidade dos clicks

"Bonecos haberá cerca de 800 diferentes, pero pezas facilmente serán 10.000", sinala Francisco Raigón, da Asociación Española de Coleccionistas de Playmobil. 

Unha auténtica multitude botada á rúa para aplaudir a cabalgata dos Reis Magos e dos Cazapantasmas. Pérdese un nos inabarcables detalles e persoeiros da cultura e de Santiago.

"Coma Valle-Inclán, na alameda, sentado no seu banco; as dúas Marías ou os peregrinos da Idade Media que chegan a Santiago este Nadal".

Nesta cidade pódese buscar a Wally, literalmente. Pódese buscar o Apalpador. Pódese atopar unha ventá indiscreta cunha nube de escuma de ducha. Pódese pensar nas horas e horas e horas. 

"Levou tres meses de organización e planificación. Somos 12 montadores de toda Galicia. E logo a montaxe das pezas é o máis sinxelo, nun día xa o temos terminado".

Esta cidade ten un fin solidario: recadar fondos para o albergue Xoán XXIII e para nenos hospitalizados. E ten outro fin máis: estimular o xogo, a complicidade entre os fillos e eses pais que, igual ca os clicks, son nenos de 40 anos.

Toda unha historia que, por suposto, merece ser contada.

Noticias web

16/12/2019