CRTVG

Buscar

67 falecidos ao estourar unha rede de combustible saboteada en México

Publicado o 19/01/2019 21:52

Estoura unha rede de combustible saboteada / 66 falecidos e 76 feridos en México
Desde media tarde de onte familias enteiras acudiran a este lugar ao norte de Cidade de México, onde a rede de combustible fora perforada por traficantes, unha práctica que non é novidosa no país. Trataban de carrexar a gasolina en bidóns e caldeiros cando se produciu unha enorme explosión.
Así relataban as testemuñas como intentaban fuxir entre as lapas ducias de persoas mentres outros quedaban calcinados no lugar.

"Son 66 falecidos, 76 feridos: dos que 73 son homes e 3 mulleres. E dos homes 7 menores de 18 anos e un neno de 12. " Informou Omar Fayad, gobernador de Hidalgo.

O goberno federal, que no último ano desenvolveu unha dura campaña en contra do perigoso negocio de roubo de combustible amosaba hoxe a súa preocupación polas vítimas e insistía na necesidade de rematar con esta práctica delituosa en comunidades sen recursos.

"Máis ca deter a estratexia e a loita en contra da ilegalidade e do roubo de combustible, vaise fortalecer e continuar ata rematar con estas prácticas dándolle opcións e alternativas á xente para que non se vexan obrigados a tomar este camiño." Anunciaba Andrés Manuel López Obrador, presidente de México.

As autoridades insistiron en que roubar combustible é un delito moi grave, con penas de entre 20 e 30 anos, e que están investigando quen cometeu a sabotaxe. Mentres, os forenses continúan recuperando os restos das vítimas.
 

Noticias web

19/01/2019