CRTVG

Buscar

657 maiores e 232 traballadores con coronavirus nas residencias de Galicia

Publicado o 06/04/2020 20:13

O Sergas reforza coa contratación de 80 sanitarios a atención nas residencias da área de Vigo con alto nivel de contaxio. A residencia Nuestra Señora de la Esperanza de Ourense é, con 106, a que máis positivos ten. En total en Galicia son case 900 os casos de coronavirus nas residencias entre usuarios e traballadores.


Os casos de coronavirus nas residencias galegas medraron un once por cento nas últimas horas, segundo os datos da Consellería de Política Social. En total, son 657 maiores e 232 traballadores contaxiados.


A gran maioría dos positivos por coronavirus das últimas horas localizáronse na residencia DomusVi de San Lázaro, en Santiago. Alí detectáronse 42 novos casos, co que o total contaxiados nesta residencia é de 85. Pero o principal foco está no centro Nuestra Señora de la Esperanza San Rosendo de Ourense con 106 positivos. Séguelle a residencia DomusVi de Aldán con 102 casos. Este centro de Cangas e mais o de Barreiro en Vigo foron intervidos pola Xunta, As dúas residencias suman 166 positivos por coronavirus. Para reforzar os centros da área de Vigo con alto nivel de contaxios o Sergas cotratou 80 sanitarios.

"Contratáronse médicos, persoal de enfermaría, auxiliares de enfermaría para reforzar o persoal das residencias que se están a adaptar perfectamente a esta nova situación de crise sanitaria", afirma Ana Comesaña, directora de Recursos Humanos da área sanitaria de Vigo.


As residencias DomusVi de Cangas e de Vigo foron intervidas a semana pasada pola Xunta ante a escalada de casos. Para afastar do foco os maiores que non están contaxiados o Goberno galego habilitou a residencia de tempo libre de Panxón en Nigrán. Alí, xa hai 21 anciáns libres de coronavirus. A Xunta insiste en que a este centro só se trasladan maiores cando existe unha certeza do cen por cento de que non están contaxiados, de que deron negativo no dobre test da COVID-19.

Noticias web

06/04/2020