CRTVG

Buscar

617 auxiliares de conversa prestan apoio este curso en Galicia

Publicado o 02/10/2019 14:24

Chámase Rachel, ten 24 anos e é de Carolina do Norte, nos Estados Unidos. Acaba de chegar a Galicia para ser auxiliar de conversa no CEIP Reibón de Moaña.

"Gústanme os nenos e quero coñecer Europa e España especificamente, quero mellorar o meu español e falar máis coas persoas e, quizais, aprender algo de galego".

Coma ela, 617 mozos e mozas de máis de 20 países chegan este curso ás aulas galegas para prestar apoio nas escolas oficiais de idiomas e nos 423 centros educativos con modelo plurilingüe no ensino de linguas, maioritariamente da inglesa. Katie chegou o curso pasado e repite, o trato e a proximidade dos alumnos é para ela o máis gratificante.

"Son moi graciosos e tamén moi intelixentes, cada día aprendo algo novo deles e agardo que eles aprendan algo novo de min".

Os auxiliares non só ensinan un idioma, achegan tamén a cultura do seu país ao alumnado. Benjamin leva 6 anos na EOI de Viveiro e afirma que se namorou da nosa forma de vida.

"A comida non está nada mal, aquí non paso fame, pero aquí todo me gusta, todo".

A chegada de auxiliares de conversa a Galicia multiplicouse por 10 nos últimos once anos, pasando de 67 no curso 2008-2009 a 617 no presente curso que acaba de comezar.

Noticias web

02/10/2019