CRTVG

Buscar

46 mortos xa en Albania, onde aínda seguen cos traballos de rescate

Publicado o 29/11/2019 05:53
46 mortos xa en Albania, onde aínda seguen cos traballos de rescate

O balance do tremor de 6,4 graos na escala aberta de Richter rexistrado hai tres días na costa de Albania non deixa de medrar: a cifra de mortos elévase xa a 46 e tamén subríu a de feridos, que son arredor de 750. Algúns deses feridos continúan hospitalizados en estado crítico.

Os equipos de rescate non renuncian a atopar superviventes malia a que xa pasaron máis de setenta e dúas horas desde o sismo, que segue deixando fortes réplicas, unha das últimas de 5,1 graos. Este xoves recuperaban os corpos de catro membros dunha mesma familia sepultados polos entullos aos que quedou reducido o inmoble en que vivían.

Son máis de dúas mil as persoas que quedaron sen casa en Durres e en Thumane, as localidades más afectadas, e as autoridades anunciaron o seu realoxo en hoteis. O Goberno albanés asegura que o programa de reconstrución das zonas devastadas "é a máxima prioridade".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí