CRTVG

Buscar

As negociacións de investidura marcan o 41 aniversario da Constitución

Publicado o 06/12/2019 19:35

41 aniversario da Constitución coa lexislatura recentemente estreada e en plenas negociacións para a investidura de Sánchez O acto central, un ano máis, reuniu no Congreso a representantes do goberno, do poder xudicial e dos partidos políticos.

No seu discurso, a presidenta da Cámara, Meritxell Batet, defendeu o papel da política para manter un proxecto común de futuro. Ante unha lexislatura que prevé difícil pola fragmetnación parlamentaria, Batet pediu respeto e diálogo.

Negociacións de investidura

A celebración deste ano vén marcada polas negociacións para a investidura. Pedro Sánchez apelou a aparcar as diferenzas para conseguir un goberno, e defendeu a Constitución como o marco para resolver o conflito de Cataluña. Esquerra, que non participou no acto, criticou que a Carta Magna é un freo para as aspiración lexítimas dos cataláns.

No 41 aniversario da Constitución, Pedro Sánchez defendeu un pacto entre diferentes para salvar a gobernabilidade de España. En plena negociación con Esquerra Republicana para que facilite a súa investidura, Sánchez apelou á Constitución para resolver o conflito catalán.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións: "Dentro do marco constitucional que temos sen dúbida algunha existen os instrumentos para resolver os conflitos sociais e políticos que atravesa o noso país"

As súas palabras chocan coas de Esquerra Republicana, que non asistiu ao acto, e que ve a Carta Magma como un corsé para as súas aspiracións.

Roger Torrent, ERC: "Hoxe a Constitución española é un freo para as aspiracións lexítimas para unha parte dos cidadáns do Estado, neste caso dos cataláns"

O lider de Unidas Podemos non ve diferenzas insalvables entre o PSOE e Esquerra, e confía en que o goberno de coalición será posible.

Pablo Iglesias, Unidas Podemos: "A min gustariame que tiveramos goberno canto antes, pero se ten que ser en xaneiro que sexa en xaneiro"

Nas conversas cos xornalistas, Sánchez anunciou que reunión do próximo martes con Esquerra Republicana para negociar a investidura vaise facer en Barcelona.

Arrimadas volve ofrecerlle a Sánchez un pacto a tres, PSOE, PP e Ciudadanos, para facer, di, un goberno constitucionalista.

Inés Arrimadas, Ciudadanos: "Para que os que hoxe non están aquí, os que hoxe non teñen nada que celebr ar, non teñan a chave do gobeno de España"

Vox cre que o PSOE ataca a Constitución negociando cos independentistas.

Iván Espinosa de los Monteros, Vox: "Está sendo atacada polos inimigos que España, que lonxe de ser residuais, están mesmo dentro desta casa"

O líder do PP di que non apoiará a Sánchez, porque considera que elixiu ir da man dos inimigos da Constitución.

Pablo Casado, PP: "Calquera plan que coñecemos por Pedro Sánchez vai en contra da Constitución. E é grave. En ningún país da nosa contorna sería posible negociar un goberno cos que queren romper o orde constitucional"

Casado asegura que o PP non permitirá unha reforma da Constitución, e que intentará frear as reformas nos estatutos catalán e vasco que poidan romper a orde constitucional.

Feijóo: "Aínda hai tempo para un pacto entre constitucionaistas

Non estiveron no acto da constitución as formacións nacionalistas, independentistas nin republicanas Si asistiron a maioría dos presidentes autonómicos. Entre eles, o de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Dixo que aínda hai tempo para formar un goberno entre forzas constitucionalistas fronte a outro que, considera, será letal para España. Asegura Feijóo que o PP estará aí se Sánchez opta por abrazar a Constitución. Di que os feitos, de momento, demostran todo o contario.

Caras novas

Entre as caras novas deste ano, as das presidentas do Congreso e do Senado, anfitrioas na Carreira de San Jerónimo. As dúas recibiron aos centos de invitados á recepción. Moitos dos asistentes pasaron de longo ante Pilar Llop, recén elixida presidenta da Cámara Alta e menos coñecida que Meritxell Batet, que recibiu a unhas convidadas moi especiais, as súas fillas xemelgas.

O acto institucional non tivo a pompa do ano pasado, cando se conmemoraron os 40 anos da Constitución en presenza dos reis, pero si tivo o aliciente de buscar algún sinal de entendemento entre os protagonistas da lexislatura que bota a andar. O líder de Podemos bromeou e riu cos voceiros de Vox e de Ciudadanos. Espinosa de los Monteros e Arrimadas estréanse nesta celebración en representación dos seus partidos, tras a renuncia de Rivera e a ausencia de Abascal. Tamén Íñigo Errejón charlou cos asistentes á recepción, mentres Pedro Sánchez felicitaba á voceira parlamentaria de Podemos polo seu embarazo, e Adriana Lastra respondía do estado do seu nocello. E amais das presenzas, tamén foron noticia as ausencias: non houbo representación dos partidos independentistas cataláns, PNV, Bildu nin o BNG.

Anécdotas

Os principais líderes deixaron hoxe a un lado a confrontación propia da cámara.... Iván Espinosa de los Monteros, voceiro de Vox no Congreso, e Pablo Iglesias, de Unidas Podemos, conversando animadamente. Pero miren quen se achega. Inés Arrimadas, a voceira de Ciudadanos. A cousa non acaba aí. Os tres acaban interesados en Adriana Lastra, aínda sobre muletas. Outras das imaxes da recepción déixaa a voceira do Goberno, Isabel Celáa. Saudou á presidenta do Congreso pero non á do Senado.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí