CRTVG

Buscar

25 bolsas con material requisado no agocho dos líderes de Resistencia Galega

Publicado o 23/06/2019 15:02

En Fornelos de Montes estaba o santuario, en sentido figurado, do que quedaba de Resistencia Galega. No lugar de Baños, que no seu tempo foi o marco dunha comuna hippy moi activa e xa abandonada, Antón García Matos, alcumado Toninho, e Asunción Losada Camba custodiaban as últimas pertenzas do grupo armado. Máis de trinta axentes da Garda Civil, pertencentes á división de Criminalística de Madrid e aos Servizos de Información de Galicia, desenvolveron un amplo rexistro que foi tutelado por unha secretaria xudicial.

Un amplo perímetro acoutado arredor da vivenda dos detidos facía presupoñer, como despois foi confirmado desde fontes da investigación, que se buscaban armas nunha área extensa. Unha parte da inspección, coa presenza de Toninho e Asunción Losada, durou ata as seis da tarde e a outra rematou sobre as nove da noite tras trece horas de rexistro. Posteriormente, o Ministerio de Interior e a Garda Civil explicaban nun comunicado que no marco da operación Lusista, que así é como se denomina, foron requisados un fusil de asalto Cetme LC, unha arma detonadora, un revólver do calibre 22, diversa cartuchería de distintos calibres, cartos en metálico e abundante documentación.

25 bolsas con diverso material saíron onte á noite da casa de Baños rumbo á Audiencia Nacional, algunhas con centos de documentos escritos e un CD. Desde o ano 2015, Toninho e a súa compañeira sobreviviron neste lugar en condicións precarias, mentres os servizos de seguridade supoñían que se encontraban en Portugal, despois de botaren un tempo en Venezuela.

O Ministerio de Interior dá por demantelada Resistencia Galega, a que cualificara como a última organización terrorista en activo en España. Entre 2005 e 2014 protagonizaron máis de sesenta atentados de baixa intensidade cunha longa lista de danos materiais, pero cunha característica que os singularizou: non causaron danos persoais. O último ataque que realizaron, ao que corresponden estas imaxes, foi dirixido contra a casa do concello de Baralla en outubro de 2014.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/06/2019