CRTVG

Buscar

24 medios aéreos incorpóranse aos labores de extinción do incendio máis grave do verán

Publicado o 30/08/2020 11:09

O incendio que desde o xoves pasado afecta o concello de Almonaster la Real, na serra de Huelva, segue activo e con varios "puntos quentes" na zona sur e oeste, onde os traballos de extinción se desenvolven con moita dificultade debido a que existen moitos barrancos con fortes pendentes.

Durante a noite, a menor velocidade do vento favoreceu o seu control con uso de maquinaria pesada e queimas de ancheamento controladas. No operativo participan máis de medio milleiro de profesionais, 300 do plan Infoca e 148 militares da Unidade Militar de Emerxencia.

Os últimos datos falan de máis de 9.000 hectáreas queimadas en tres focos e 2.400 persoas desaloxadas dos seus fogares polo perigo de intoxicación.

Na mañá do domingo incorpóranse ás tarefas de control e extinción 24 medios aéreos. A expansión do lume obrigou a trasladar o posto de mando avanzado ao centro de defensa forestal de Valverde do Camiño, na estrada A-496 para unha maior operatividade.

Incendios en Estremadura e Murcia

Por outra parte, os incendios das Hurdes, que afectan ao norte da provincia de Cáceres, e o do Val do Jerte, evolucionan favorablemente, sen sobresaltos. A previsión meteorolóxica apunta a que as condicións serán máis favorables para poder controlalos nas próximas horas.

Mentres, na Rexión de Murcia, un lume forestal afecta a serra da Silla, entre Mula e Bullas, onde 200 efectivos tratan de controlalo, entre eles 50 membros da UME. Nestas localidades levouse a cabo o desaloxo de 70 persoas de 17 vivendas que estaban moi próximas ao foco do incendio.

Noticias web

30/08/2020