CRTVG

Buscar

2019 acaba con 1.098 mortos na estrada, a cifra máis baixa da historia

Publicado o 02/01/2020 12:30

• O ano finaliza con 90 vítimas en Galicia

90 persoas faleceron nas estradas galegas o ano pasado, fronte a 104 en 2018, o que supón unha redución de máis do 13 por cento, segundo os datos que acaba de dar a coñecer a DXT. No cómputo dos últimos dez anos, as vitimas mortais nas estradas galegas reducíronse máis dun 55 por cento.

No conxunto do Estado o ano 2019 concluíu con 1.098 falecidos en accidentes de tráfico nas estradas, noventa menos que en 2018 (-7,6%), o que supón a cifra máis baixa da historia desde que hai reconto en 1960.

O ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, informou este xoves deste dato "histórico" xunto ao director xeral de Tráfico, Pere Navarro, na rolda de prensa sobre o balance de accidentalidade viaria do ano que acaba de finalizar.

Este balance contabiliza as vítimas rexistradas nas 24 horas seguintes aos sinistros e só en vías interurbanas.

Durante 2019 producíronse 1.007 accidentes mortais nos que faleceron 1.098 persoas e outras 4.395 requiriron ingreso hospitalario, o que supón un descenso do 6,7 % no número de sinistros (72 menos), unha baixada do 7,6 % na cifra de falecidos (90 menos) e un descenso do 3,8 % nos feridos graves (174 menos).

O ministro valorou estas cifras, que se dan nun contexto de maior número de desprazamentos de longo percorrido, de parque de vehículos e de censo de condutores, aínda que precisou que as institucións non poden estar satisfeitas mentres haxa algún falecido.

Puxo de relevo tamén que o ano pasado houbo 37 días nos que non se rexistraron vítimas mortais en vías interurbanas, e que por exemplo non se contabilizou ningún falecido en autocar en todo o ano en todas as estradas.