CRTVG

Buscar

200.000 estudantes da ESO, o bacharelato, a FP e as ensinanzas especiais volveron hoxe ás aulas

Publicado o 16/09/2019 16:33

Calma e silencio dentro, mentres fóra comezan os reencontros, as novidades tras o verán e a curiosidade por saber con quen se vai compartir aula os vindeiros nove meses. Hoxe comeza o curso para case 150.000 alumnos da ESO, o bacharelato e ensinanzas especiais. Unha xornada importante, sobre todo para os que dan o salto desde primaria.

Carlos Encisa, o director do IES Antón Fraguas de Santiago, explica que o alumnado de primeiro da ESO é o que amosa máis inquedanza. "Moitos veñen mesmo acompañados das nais, cando é algo non habitual na ESO, pero teñen inquedanza por coñecer este micromundo do instituto".

Por iso, os máis novos neste instituto entran primeiro para coñecer con máis tranquilidade as instalacións e o profesorado. As dinámicas do instituto e as rutinas diarias terán que adquirilas paseniño. Ademais das ensinanzas comúns, na actualidade cada centro configura unha oferta educativa diferenciada. No IES Antón Fraguas, por exemplo, teñen bacharelato de artes, "e este ano faremos intercambios con Francia e Noruega; tamén temos unha sección bilingüe en inglés; temos tamén matemáticas manipulativas e recreativas, introdución á robótica, á programación...". 

Todo iso e moito máis a partir de mañá, ao igual que os outros máis de 50.000 alumnos e alumnas que inician hoxe o curso en formación profesional. Atopar cadansúa aula, levar o novo horario e encontrarse con docentes e compañeiros xa é bastante para este primeiro día.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/09/2019