CRTVG

Buscar

En construción no polígono de Curtis-Teixeiro unha planta de biomasa

Publicado o 19/07/2019 17:24

Dende hai meses a actividade non para nesta parcela do polígono industrial de Curtis-Teixeiro. A empresa coruñesa Greenalia está a levantar aquí unha planta de biomasa para a xeración de enerxía eléctrica a partir dos restos das cortas forestais:

Manuel Bueno, xefe de proxecto da planta de biomasa de Curtis-Teixeiro: "A planta de biomasa de Curtis-Teixeiro é unha das máis importantes a nivel europeo en construción actualmente e unha vez se remate será a segunda máis importante de España. Nesta planta queimamos pacas de biomasa nunha caldeira para xerar vapor para alimentar unha turbina que move un xerador de 50 megawatts".

Esta biomasa procederá dos restos das cortas de madeira, as pólas e casca, que e que son procesados e empacados con estes equipos. Ademais de para o seu aproveitamento enerxético, a recollida ou trituración destes restos forestais é hoxe unha obriga establecida pola Lei de montes.

Mauro Coucheiro, director de operacións do grupo Greenalia: "Na época de máximo risco de incendios chegamos a prazos de 15 días desde que se remata o aproveitamento principal para retirar estes residuos. Entónces desde este punto de vista esta é unha oportunidade para xestionar este residuo de maneira áxil e económica".

Unha vez recollidos e empacados, os fardos de biomasa son enviados ata o polígono de Curtis-Teixeiro, onde xa levan varios meses facendo acopio para a posta en marcha da planta.

Manuel Bueno, xefe de proxecto da planta de biomasa de Curtis-Teixeiro: "A capacidade da planta, imos consumir arredor de 500.000 toneladas anuais de biomasa. Isto supón en torno a 1.500 toneladas diarias de biomasa, uns 80 ou 90 camións diarios".

A planta de Curtis-Teixeiro terá unha capacidade de produción enerxética de 50 megavatios en plena actividade, enerxía suficiente para abastecer unha poboación de máis de 250.000 habitantes. Desde Greenalia prevén comezar coas primeiras probas dos equipos en outono, e que a planta entre en funcionamento a partir do primeiro trimestre de 2020.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/07/2019