CRTVG

Buscar

135 mortos, máis de 5.000 feridos xa e preto de 300.000 persoas sen casa en Beirut

Publicado o 06/08/2020 02:51
135 mortos, máis de 5.000 feridos xa e preto de 300.000 persoas sen casa en Beirut

Polo menos 135 mortos, máis de 5.000 feridos xa e un número indeterminado de desaparecidos, fálase de como mínimo un cento. É o último balance oficial das dúas explosións que o martes reduciron a cascallos o porto da capital do Líbano, comprometendo a seguridade alimentaria do país. Destruíron o seu maior silo de trigo, onde se gardaba o 85% do gran, e as autoridades din que só teñen reservas "para menos dun mes". A iso hai que unirlle o feito de que o seu segundo porto máis importante estará meses inoperativo, limitando moito a capacidade de importar. De aí que o presidente, Michel Aoun, chamase a comunidade internacional a acelerar o envío da axuda comprometida.

O mandatario atribúe o sucedido a unha neglixencia que promete sancionar "co castigo máis severo". Á espera de depurar responsabilidades, ordenou o arresto domiciliario de todos os funcionarios que tiveron algo que ver coa seguridade do recinto e co almacenamento sen custodia durante 6 anos das case tres mil toneladas de nitrato de amonio que, segundo sostén, están detrás da catástrofe. A oposición non se fía e esixe unha investigación internacional. O mesmo reclaman os ex-ministros Saad Hariri, Nayib Mikati, Fuad Siniora e Tammam Salam.

A traxedia deixou sen casa preto de 300.000 persoas, que poderían ser moitas máis porque se vai levar a cabo unha revisón dos inmobles da zona para comprobar o seu estado. Cálculos oficiais provisionais valoran entre 2.500 e 4.200 millóns de euros os danos rexistrados.