CRTVG

Buscar

120 cámaras de última teconoloxía vixían os montes galegos para evitar incendios

Publicado o 25/08/2020 15:44

Coa incorporación de 32 novos equipos este ano, un total de 120 cámaras de última xeración vixían os montes, cubrindo máis do sesenta por cento do territorio galego. As súas imaxes en alta resolución e tempo real chegan aos 19 distritos forestais que hai en Galicia, aos centros provinciais e a este Centro de Coordinación Central de Santiago, permitindo unha rápida resposta. 

"O distrito organiza os medios terrestres, a provincia coordina os medios terrestres entre distritos e mobiliza os medios aéreos da provincia, e desde Santiago se mobilizan os medios terrestres e aéreos entre provincias e faise o seguemento e coordinación de calquera lume para comprobar que todo se está facendo de forma axeitada", explica Tomás Fernández Couto, director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural.

O zoom destas cámaras acada os 15 quilómetros, permitindo ler matrículas a distancia, ou distinguir obxectos en condicións de baixa visibilidade. As imaxes grávanse e almacénanse, sendo de grande axuda para a investigación dos lumes: "Dado que están batendo todo o territorio e quedan gravadas, estas imaxes poden ofrecer unha información moi útil para as brigadas de investigación dos propios servizos contraincendios da Consellería do Medio Rural, así como ás forzas e corpos de seguridade".

Aquí xógase outra baza esencial para a loita contra o lume: a anticipación. Ademais de imaxes, estes equipos recollen datos meteorolóxicos e do estado da biomasa para prever a evolución dunha alarma, e dan información en tempo real aos efectivos que están sobre o terreo. O obxectivo é reforzar o seu labor e que poidan actuar nun prazo de quince minutos en calquera incendio que se produza.


 

Noticias web

25/08/2020