CRTVG

Buscar

Especiais

Especial Letras Galegas

17/05/2011

Programa "Especial Letras Galegas" elaborado polo equipo dos espazos culturais da canle autonómica, que se achegará desde distintas perspectivas á figura do autor homenaxeado este ano, o poeta monfortino Lois Pereiro.

Durante 35 minutos, o programa afondará na vida e obra do autor de "Poesía última de amor e enfermidade", cuxa voz, cosmopolita e descarnada, marcou un fito na poesía galega de finais do século XX. Da man de seus irmáns, Xosé Manuel e Inés, o espazo percorrerá os escenarios máis significativos na súa vida de Monforte de Lemos, a súa terra natal, o seu principal centro vital e de afecto, que ademais deixou nel unha fonda pegada cultural.

O "Especial Letras Galegas" da TVG contará coa colaboración de expertos e amigos de Pereiro, que achegarán as claves para entender a súa vida e a súa obra. Así, o programa falará, entre outros, con Antón Patiño, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Antón Reixa, Xurxo Lobato e Xosé Luís Axeitos.

Por outro lado, recuperarase do arquivo da Galega un pequeno tesouro: a única entrevista televisiva realizada a Lois Pereiro, a cargo de Xosé Ramón Gayoso, que se emitiu no ano 1989 dentro do programa "Corazonada". Ademais, ofreceranse imaxes da videocreación "A elocuencia dos cemiterios", realizada pola TVG en 1988, con guión de Pereiro.