CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Vou que teño que ir' convida os espectadores da TVG a viaxar os martes pola Galicia máis descoñecida

14/10/2019

Nesta travesía polo mapa galego, Víctor Fábregas achegarase á cultura popular, ás tabernas tradicionais e aos sendeiros pola natureza, mentres que Ledicia Sola buscará alternativas culturais e históricas, con parada en restaurantes de vangarda

'Vou que teño que ir' convida os espectadores da TVG a viaxar os martes pola Galicia máis descoñecida

Santiago, 14.10.2019.-      Erguerse do sofá para viaxar aos recunchos menos explorados de Galicia. Isto é o que lles propón a TVG aos seus espectadores co novo programa ‘Vou que teño que ir', que se estrea este martes á noite e onde Víctor Fábregas e Ledicia Sola os convidarán a descubrir o mesmo municipio ou comarca de xeitos ben diferentes.

Conscientes de que Galicia non comeza nin remata coa catedral de Santiago e as Illas Cíes, estes aventureiros investigarán lugares pouco masificados. Nesta travesía polo mapa galego, achegaranse ás tascas e tabernas máis tradicionais, á cultura popular, ás festas e costumes e aos sendeiros pola natureza, buscando plans atrevidos ou de risco e procurando non rascar moito o peto. Tamén buscarán alternativas culturais e históricas, con visitas máis confortables e luxosas e con parada en restaurantes coa gastronomía máis vangardista.

Os presentadores proporán tamén as formas máis sostibles para viaxar e con menos impacto ecolóxico. Desde o medio de transporte empregado para chegar ata alí -coche privado ou transporte público- facilitarase toda a información posible para viaxar en parella, con nenos, con amigos, con persoas maiores ou dependentes.

Despois do seu encontro matinal, Ledicia Sola e Víctor Fábregas separarán os seus camiños en visitas cruzadas con dúas actividades conxuntas onde cada un terá a posibilidade de levar ao seu terreo e poñer a proba o compañeiro, co humor e as bromas entre eles sempre presentes. Un veciño ou guía especializada acompañará cada un dos viaxeiros no seu percorrido, amosando a cara máis xenuína dos diferentes lugares visitados.

Ribadavia é o primeiro destino ao que se enfrontarán os viaxeiros. Aínda que a primeira hora se darán cita na Praza Maior, o berce do Ribeiro será visitado de xeito ben diferente. Da man de Ledicia, os espectadores percorrerán a zona antiga, descubrindo a ligazón da vila coa comunidade xudía e un segredo histórico que demostrará a valentía das mulleres de Ribadavia. Pola súa parte, Víctor percorrerá os sendeiros que desembocan na espectacular ponte de San Clodio, rodeados de hectáreas de vides que xa se cultivaban hai case 2.000 anos. A intensa xornada abriralles o apetito aos dous, aínda que a carteira separaraos para comer segundo o seu orzamento e preferencias. Xuntos, divertiranse practicando barranquismo e tamén haberá tempo para o relax cun baño nas termas de Prexigueiro.