CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Vaia Troula" volve unha temporada máis á TVG para seguir de preto as festas e romarías do verán galego

07/06/2014

Cada domingo, Nieves Rodríguez, acompañada por Bernardo Montaña, Paula Señarís e Diego Rodríguez, achegará a diversión dunha morea de celebracións, hoxe con citas en Burela, Lourizán, Ponte Caldelas e Ribadumia, entre outras (22.30 h.)

"Vaia Troula" volve unha temporada máis á TVG para seguir de preto as festas e romarías do verán galego

Santiago, 08.06.2014.-   Esta noite comeza na Televisión de Galicia unha nova temporada de “Vaia Troula” (22.30 horas), unha guía imprescindible para os espectadores que queiran coñecer e seguir de preto as festas e romarías galegas de todo tipo e condición. 

Cada domingo, Nieves Rodríguez dará a benvida desde algunhas destas festas, mentres que os reporteiros Bernardo Montaña, Paula Señarís e Diego Rodríguez achegaranse coas cámaras a outras tantas celebracións de Galicia na procura de distintos ambientes e tradicións, constatando en cada momento como se viven os momentos de ledicia e troula das xentes do lugar. 

Nesta primeira entrega da nova temporada, Nieves Rodríguez saudará os espectadores desde Burela, que celebrou as súas tradicionais Festas do Carme, onde destacan sobre todo as fermosas procesións marítimas. 

Pero a troula tamén chegará desde outras celebracións galegas que visitaron ao longo da semana os reporteiros do programa. Así, o espazo da TVG achegarase á localidade de Valga, que retrocedeu dous séculos para conmemorar o 204 aniversario da Batalla de Casal do Eirigo, que tivo lugar dentro da Guerra da Independencia. “Vaia Troula” tamén estará na parroquia de Lourizán, en Pontevedra, que celebra as festas na honra da Virxe dos Placeres, e na Festa da Troita de Ponte Caldelas.

O concello de Salvaterra de Miño chega este ano á quinta edición da Festa Gastronómica da Carne ao Caldeiro. Unha boa ocasión para degustar non só carne senón tamén filloas caseiras, que non podía perder “Vai Troula”, ao igual que a Festa do Viño de Barrantes, no concello de Ribadumia.

A Festa da Alegría, no barrio vigués do Calvario; o megachurrasco da Barcala, en Cambre, e a Festa dos Xogos Tradicionais de Muimenta, en Cospeito, con campionatos de bolos, chave e peóns, completan as propostas do primeiro “Vai Troula” desta nova temporada de festa a esgalla.