CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

TVG inicia este luns a emisión de debates electorais sobre cada unha das sete cidades galegas

08/05/2015

Ofreceranse a diario na segunda canle da Galega (tvG2), ás 22.50 horas, e terán unha duración de 60 minutos 

Desenvolveranse en tres grandes bloques temáticos e serán moderados polos xornalistas Irene Lourido, Marta Darriba ou Xesús Fontenla  

TVG inicia este luns a emisión de debates electorais sobre cada unha das sete cidades galegas

Santiago, 08.05.2015.-  Televisión de Galicia inicia este luns, ás 22.50 horas, a emisión de debates electorais por cada unha das cidades de Galicia. No plan de cobertura das eleccións locais están previstos sete debates, de 60 minutos cada un. Seguindo a normativa e as instrucións da Xunta Electoral, poderán participar representantes das forzas políticas que conseguiron presenza nos concellos en 2011 e que volven presentarse aos comicios. 

Cada un dos debates gravarase con anterioridade e a súa emisión poderase seguir pola segunda canle da Galega, a tvG2, comezando pola cidade máis poboada e rematando pola de menor poboación de Galicia. Así, o debate correspondente a Vigo estará en antena o luns día 11, e seguiranlle A Coruña (día 12), Ourense (día 13), Lugo (día 14), Santiago (día 15), Pontevedra (día 18) e Ferrol (día 19).

Con relación á dinámica de cada un dos sete debates, a orde de intervención fixada nas instrucións da Xunta Electoral irá de maior a menor para abrir o tempo de discusión e de menor a maior para pechalo, segundo a porcentaxe de votos obtidos por cada forza política no respectivo concello en 2011. Ademais proporase unha intervención inicial  de dous minutos e unha final de un minuto por cada candidato. Unha vez iniciado o debate, os tempos non se marcan, son libres. Haberá tres grandes bloques temáticos.

Estes espazos electorais, que se realizarán no estudio de gravación 300 de San Marcos, disporán como moderadores dos xornalistas Xesús Fontenla (Vigo), Irene Lourido (A Coruña, Santiago e Ferrol) e Marta Darriba (Lugo, Ourense e Pontevedra).

Na Radio Galega, un debate único 

Pola súa parte, a emisora pública galega ten previsto ofrecer un único debate de 55’ de duración ao que se convidará a participar a un representante de cada unha das formacións políticas que son obxecto de especial atención neste plan (PP, PSdeG e BNG). 

A orde de intervención irá de maior a menor para abrir o debate e de menor a maior para pechalo, tamén segundo a porcentaxe de votos obtidos por cada forza política nas anteriores eleccións locais no ámbito de cobertura do medio. 

A Radio Galega ofrecerá este espazo electoral, moderado por Xavier Ares, o xoves 21 de maio, ás 22.00 horas, dentro do tempo do informativo “A Crónica”.    

 

***Nota para os medios:

Os debates da TVG gravaranse en días sucesivos do 8 ao 14 de maio seguindo a mesma orde ca a emisión. Tras cada gravación, a CRTVG colgará fotos dispoñibles para os medios na seguinte ligazón: http://www.crtvg.es/crtvg/galeria-de-imaxes-crtvg/categoria/debates-eleccions-locais-2015 

Descarga imaxes debates eleccións locais

Debate Vigo: [descarga 1] [descarga 2] [descarga 3] [descarga 4]

Debate A Coruña: [descarga 1][descarga 2][descarga 3][descarga 4]

Debate Ourense: [descarga 1][descarga 2][descarga 3][descarga 4]

Debate Lugo: [descarga 1][descarga 2][descarga 3][descarga 4]

Debate Santiago de Compostela: [descarga 1][descarga 2][descarga 3][descarga 4]

Debate Pontevedra: [descarga 1][descarga 2][descarga 3][descarga 4]

Debate Ferrol: [descarga 1][descarga 2][descarga 3][descarga 4]

Galería de imaxes