CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión e radio uniranse cada día en 'A bóla extra', unha innovadora experiencia de radio televisada nas mañás da Galega

13/10/2019

Kiko Novoa, Cristina García e Paco Lodeiro, do equipo do 'Galicia por diante' da RG, sentarán cada día ante as cámaras da TVG, xusto antes da emisión de 'A revista', para ofrecer media hora de humor coas consultas e intervencións máis divertidas da audiencia

Televisión e radio uniranse cada día en 'A bóla extra', unha innovadora experiencia de radio televisada nas mañás da Galega

Santiago, 13.10.2019.-     Kiko Novoa, Cristina García e Paco Lodeiro pilotan de luns a venres na Radio Galega 'A bóla extra', o tempo para o humor do magazine 'Galicia por diante', que cada día xira arredor dun tema cotián, unha historia curiosa ou algunha anécdota divertida e que fomenta a participación do público. Ata agora, cada día conectaban en directo co programa 'A revista' para contarlles á presentadora, Loli Gómez, e aos espectadores da TVG as súas historias de cada día. Pero, non contentos con isto, a partir deste luns irán tomar un café á tele para compartir directamente coa audiencia media hora da súa proposta radiofónica. As tres figuras da Radio Galega, sobradamente coñecidas polos seus oíntes, amosan a súa ilusión polo reto que supón levar 'A bóla extra' á TVG. Como explica a xornalista Cristina García, "é moi bonito porque pode abrirnos a máis xente para que coñeza o programa e, por suposto, participe".

A TVG pon así en marcha unha innovadora experiencia de radio televisada xusto antes da emisión diaria de 'A revista', e desde o estudio 150 da TVG en San Marcos. Deste xeito, a primeira media hora de 'A bóla extra', de 12.00 a 12.30 h, poderá seguirse simultaneamente a través da Radio Galega e da Televisión de Galicia. E a audiencia poderá seguir opinando mediante chamada telefónica ou nota de voz de WhatsApp.

Antes de poñerse á fronte do seu programa diario, a presentadora de 'A revista', Loli Gómez, unirase tamén aos compañeiros da RG para debullar a actualidade desde un ton desenfadado e humorístico. Unha vez rematada a media hora de 'A bóla extra', o humor do 'Galicia por diante' continuará, coma sempre, nas ondas radiofónicas.