CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia converte un estudio de 500 m2 no centro neurálxico informativo do 22-M

19/05/2011

Os medios públicos galegos ultiman os preparativos para a cobertura electoral.

Desde as 09.00h, a TVG e a Radio Galega ofrecerán unha programación especial de seguimento da xornada, tanto en Galicia coma no resto de España.

Mañá, venres, a Galega e a emisora pública ofrecerán á noite respectivos espazos de Peche de Campaña.

 

Televisión de Galicia converte un estudio de 500 m2 no centro neurálxico informativo do 22-M

Santiago, 19.05.2011.- Os medios públicos galegos están a ultimar os preparativos para a cobertura electoral do 22-M, cun amplo operativo técnico e humano na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Ademais de dispor dun completo despregamento que cubrirá practicamente todo o territorio galego, no caso da TVG será tamén importante o escenario desde o que se realizará o "PROGRAMA ESPECIAL ELECCIÓNS", para achegar os resultados electorais definitivos, análises de escrutinios e primeiras reaccións.

A partir das 19.45h, a Galega realizará un especial, de máis de catro horas de duración, desde o estudio 5, situado nas instalacións da CRTVG en San Marcos. Este estudio de gravación, de 500 metros cadrados, conterá un gran decorado, realizado para a xornada electoral, distribuído en 3 espazos diferenciados e dotados coa tecnoloxía máis actual. Haberá un set de análise de resultados, onde se situará Xaime Arias como moderador de catro convidados analistas; nun segundo apartado, disporase de dúas pantallas táctiles e, finalmente, un terceiro decorado onde sobresae unha pantalla xigante coa que interactuarán os tamén condutores deste especial, Alfonso Hermida e Ana Pérez.

A TVG e a Radio Galega iniciarán unha programación especial de seguimento do 22-M, tanto en Galicia coma no resto de España, desde as 09.00 horas, para achegar como transcorre a xornada mesmo desde a apertura de urnas. Mentres a emisora autonómica ofrecerá "Boletíns Informativos" cada 30 minutos pola mañá, a Galega dedicará parte do seu tempo de "A Revista Fin de Semana", a partir das 13.00h, a establecer conexións en directo cos colexios electorais das catro provincias galegas e informar das posibles incidencias e sobre os comicios no resto de España. Toda esta información será ampliada en respectivos informativos do mediodía dos medios públicos galegos.

ENQUISA DE IPSOS ESPAÑA

O prato forte da cobertura da xornada do 22-M producirase preto do horario de peche das mesas electorais, ao fío das oito da tarde, cando comecen os programas especiais eleccións que teñen preparados a TVG e a Radio Galega. O tiro de saída de ambos os dous medios públicos será o resultado da enquisa sobre intención de voto encargada á empresa IPSOS España, para as sete cidades de Galicia e para as localidades elixidas polas restantes televisións autonómicas.

No especial da Televisión de Galicia catro convidados analizarán os datos desta enquisa. A información transmitirase, de xeito detallado e en tempo real, e ofrecerase o escrutinio dos 315 concellos galegos, os resultados das municipais e autonómicas no resto de España, conexións en directo co Centro de Datos de Madrid, cos cuarteis xerais dos partidos galegos, e coas sedes centrais dos partidos en Madrid para dar conta das reaccións inmediatas que se produzan ao longo da noite en calquera punto. Do mesmo xeito, na Radio Galega tres convidados, ex alcaldes, analizarán os primeiros datos da sondaxe sobre intención de voto e, nun segundo faladoiro, un grupo de xornalistas despezará os resultados definitivos.

OS DATOS, EN TEMPO REAL, TAMÉN NA WEB DA CRTVG

A páxina web da CRTVG será unha terceira canle dos medios públicos galegos que abranguerá todos os datos da xornada en tempo real. Os usuarios da rede poderán consultar unha sección especial sobre o 22-M na nova web da CRTVG.

PECHE DE CAMPAÑA

Mañá, venres, preto da media noite, a Galega e a emisora pública ofrecerán respectivos programas de Peche de Campaña. A Televisión de Galicia iniciará ás 23.42h un espazo de 15’ coas últimas informacións do día, presentado por Alfonso Hermida. Previamente, no tempo do "Telexornal Serán" realizaranse conexións en directo, arredor das 21.00 horas, con cada un dos mitins de peche de campaña dos tres grandes partidos políticos galegos, dentro do bloque electoral, que durará 5’. Para achegar esta información seguiranse os criterios de proporcionalidade.

Pola súa parte, Xosé Valiñas conducirá o correspondente especial informativo na Radio Galega, desde as 23.40 horas.