CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Segredos - Desmontando Galicia' porá este luns patas arriba A Coruña para descubrir os seus misterios agochados

18/10/2019

Con espectaculares recreacións en 3D de edificios e infraestruturas, imaxes aéreas e a opinión daqueles que a coñecen ben, o espazo da TVG explicaralles aos espectadores como chegou a ser a gran cidade que é hoxe

A nova aposta da canle autonómica amosa a comunidade dun xeito único, desde os puntos de vista máis abraiantes e inéditos na televisión

'Segredos - Desmontando Galicia' porá este luns patas arriba A Coruña para descubrir os seus misterios agochados

Santiago, 18.10.2019.-     O programa ‘Segredos - Desmontando Galicia’ seguirá este luns amosando a comunidade dun xeito único, desde os puntos de vista máis abraiantes e inéditos na televisión. Nesta ocasión, tocará ‘desmontar’ A Coruña. Con espectaculares recreacións en 3D, imaxes aéreas e a axuda daqueles que a coñecen ben, a partir das 22.15 h, o espazo da TVG explicaralles aos espectadores como chegou a ser a gran cidade que é hoxe.

‘Desmontando Galicia’ chega á cidade herculina para poñela patas arriba e descubrir algúns dos seus segredos mellor gardados. Como era A Coruña hai mil anos? Que pasa cando se pon bravo o mar? Ata onde chega a luz do faro da Torre de Hércules? Como se ergueu a cidade? Serán algunhas das preguntas que esta noite tratará de responder o programa, que, ademais, sorprenderá un dos coruñeses máis recoñecidos: Xosé Ramón Gayoso.

A nova aposta da TVG para a noite dos luns trata de descubrir os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural desde o punto de vista do entretemento. Con esta proposta innovadora, a Televisión de Galicia axudará a entender os xeitos de vida da nosa terra e a súa evolución sen límites espaciais e temporais grazas ás integracións 3D.

Despois do primeiro capítulo da semana pasada, dedicado ás riquezas patrimoniais de Lugo, o programa chegará en vindeiras edicións a outras cidades galegas e a comarcas como a Costa da Morte ou o Salnés.