CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Sánchez Izquierdo: “A achega da CRTVG non se pode medir só como a conta de resultados dunha empresa"

10/12/2012

O director xeral da CRTVG salientou que o ente público exerce un inxente labor de protección do galego, promoción da cultura, atención ás minorías e apoio a accións sociais


Izquierdo asinou un convenio de colaboración con Unicef que inclúe a celebración desde hoxe da Semana coa Infancia na Televisión de Galicia e na Radio Galega

Sánchez Izquierdo: “A achega da CRTVG non se pode medir só como a conta de resultados dunha empresa"

Santiago, 10.11.2012.- O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, manifestou esta mañá que a achega do ente público “non se pode medir só como a conta de resultados dunha empresa”, senón que hai que considerar tamen o “inxente labor que os medios públicos galegos xogan na protección da lingua, a promoción da cultura e dos deportes, a atención ás minorías e o apoio a accións sociais”. Izquierdo fixo estas declaracións no decurso da sinatura dun convenio de colaboración co presidente de Unicef en Galicia, Manuel Sández, acordo polo que desde hoxe se celebra a Semana coa Infancia na Televisión de Galicia e na Radio Galega.

O máximo executivo lembrou que unha empresa como a CRTVG, se ben debe ser eficiente, “non se pode considerar só con criterios mercantís de empresa privada, senón que presta a Galicia un servizo público fundamental”, desenvolvido en aspectos en que ningunha outra institución se pode equiparar, como é a normalización do galego. Neste sentido, lembrou que o ente se ten que medir tamén polo alcance da súa función na sociedade, que considerou moito máis intensa da que se dá noutras autonomías, e dixo que por primeira vez na CRTVG esta función se ten cuantificado nun informe de responsabilidade social corporativa, o cal foi publicado recentemente polo Pacto Mundial das Nacións Unidas.

Así, a CRTVG a través das súas emisións de radio e televisión achega ao ano unhas 61.000 horas en galego, das que 5.700 corresponden a programas culturais e divulgativos, 2.600 a contidos infantís, os únicos que existen nesta lingua, e 10.700 horas a espazos informativos. Outras 2.800 horas céntranse na atención especial ás minorías, incluíndo os deportes, mentres teñen lugar unhas 750 actuacións de promoción do novo talento galego para dalo a coñecer á sociedade e preto dun cento de accións de defensa da cultura. “O labor de apoio da TVG á produción audiovisual feita en Galicia é un verdadeiro soporte para a sustentabilidade do sector audiovisual privado”, engadiu Sánchez Izquierdo, para quen tampouco se pode esquecer que estas funcións se desenvolven baixo un amplísimo consenso das forzas políticas no Parlamento de Galicia.

Convenio e Semana coa Infancia

Outro dos eidos onde a CRTVG exerce o seu servizo público é na colaboración con iniciativas sociais como a que se asinou con Unicef. O presidente da organización mundial en Galicia agradeceu o apoio do ente público a través do convenio de colaboración, que abrangue todo o ano pero ten como principal punto a celebración da Semana coa Infancia. Manuel Sández subliñou que grazas ao labor de concienciación dos medios dependentes da CRTVG a cidadanía “percibe que aínda que nós estamos mal, hai outros que están peor”, o que fai posible que “pese a que non aparecen os agromos verdes, Unicef vai cumprir os seus obxectivos para Galicia este ano”.

Tamén lembrou que outras televisións seguiron o modelo de colaboración desenvolvido coa CRTVG desde o ano pasado e que agora se renovou. O convenio establece un amplo marco de apoio dos medios públicos á difusión das mensaxes e obxectivos de Unicef, especialmente na Semana coa Infancia. Desde hoxe ata o domingo, diversos programas da TVG e da Radio Galega están a emitir contidos específicos, con entrevistas, noticias e reportaxes sobre os dereitos dos nenos e nenas en Galicia; temas nutricionais e actividades a favor da infancia en colexios galegos; educación para o desenvolvemento e un pleno municipal, entre outros temas, mentres os presentadores convidan ao público a contribuír a través de mensaxes SMS coa palabra “Unicef” ao número 28028. Con cada mensaxe pódeselle dar un día de tratamento a un neno con desnutrición.

Na foto superior, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e Manuel Sández, presidente de UNICEF en Galicia, trala sinatura do convenio.