CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Ruth Cundíns, gañadora da gran final do 'Recantos de ouro', a edición máis especial do certame musical de 'Luar'

11/07/2020

A representante de Terras de Compostela convenceu o xurado coa súa potente interpretación de ‘O meu corazón seguirá’ e de ‘Aleluia’, cantada a dúo coa segunda finalista

Ruth Cundíns, gañadora da gran final do 'Recantos de ouro', a edición máis especial do certame musical de 'Luar'

Santiago, 11.07.2020.-  Ruth Cundíns, a representante de Terras de Compostela, fíxose onte coa vitoria do ‘Recantos de ouro’, décima edición do certame de talentos da canción ‘Recantos’, que reuniu 20 das mellores voces que pasaron polo concurso neste tempo. A deste venres foi unha final moi rifada, pero as certeiras interpretacións da cantante compostelá decantaron finalmente a decisión do xurado fronte a Maite Creo, a recanteira de Noia-Barbanza.

Ruth Cundíns impúxose na gran final con ‘O meu corazón seguirá’, tema principal da película ‘Titanic’, e con ‘Aleluia’, de Leonard Cohen e cantada a dúo coa subcampioa. A compostelá conseguiu resarcirse, así, do mal sabor de boca que lle quedara da súa primeira participación na sétima edición do certame de ‘Luar’, en 2016-17, onde perdera na final ante o vigués Antonio Barros.

O xurado, formado por Fátima Pego, Tania Veiras e Manuel Deandrade, decidiu outorgarlle o primeiro premio, dotado con 5.000 euros; mentres que Maite Creo, a segunda clasificada, recibiu un cheque de 2.000 euros.

Para despedir esta edición especial, os vinte concursantes do ‘Recantos de ouro’ reuníronse de novo sobre o escenario de 'Luar', despois de dez meses de competición, para cantar xuntos o xa clásico tema do programa ‘Luz de Luar’.