CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O proxecto "Xogo de heroes", de Roberto Conde, gaña o concurso de webseries da CRTVG

19/05/2014

A obra triunfadora é “unha historia épica ao longo do Camiño de Santiago, con seis grandes heroes de Galicia como protagonistas”, explica o seu creador. O xurado decidiu este galardón por unanimidade e destacou a alta calidade dos proxectos presentados.

A CRTVG comprométese a comprar os dereitos de propiedade inte

O proxecto "Xogo de heroes", de Roberto Conde, gaña o  concurso de webseries da CRTVG

Santiago, 19.05.2014.-  Roberto Conde fíxose co galardón do I Concuso de Webseries da CRTVG “Historias do Camiño” coa súa proposta “Xogo de heroes”, unha  “historia épica ao longo do Camiño de Santiago, con seis grandes heroes de Galicia como protagonistas, e déixoo aí, que cada un descubra cales son”, explica o seu autor.

 O gañador, orixinario da localidade ourensá da Merca, é guionista de profesión e aínda que xa traballou na webserie “Gran Compadre”, amosouse ilusionado con este premio, xa que como creativo “é unha oportunidade para creadores independentes que non estamos relacionados coa televisión, para acceder a ela. É a primeira vez que alguén aposta por unha idea miña”.

 O xurado final, integrado por Paula Hernández, directora de enawebseriada.com; Jorge Casinello, director de “Entre pipas”; Sebastián Talavera, profesor da Facultade de Comunicación da Universidade de Sevilla e realizador de autopromocións de Canal Sur Televisión; Esther Medina, xefa da Área de Innovación e Novas Canles da CRTVG, e Ignacio Varela, coordinador do concurso, decidiu por unanimidade de acordo cos contidos e criterios establecidos nas bases do concurso declarar gañador o proxecto “Xogo de heroes”. Neste senso, o xurado destacou “a alta calidade dos proxectos e a dificultade que supuxo decantarse por un deles. Do mesmo xeito, quedou patente a idoneidade de que todos fosen finalmente levados a cabo”.

 A convocatoria do concurso, relacionada co fenómeno xacobeo, pechouse coa presentación dun total de 17 traballos, dos que ademais tamén foron finalistas os proxectos “Tres pitos e un capón” e “Imos aviados”. Os autores dos tres traballos seleccionados terán a posibilidade de perfeccionar as súas ideas nun obradoiro impartido por profesionais de recoñecido prestixio. A CRTVG comprométese a comprar os dereitos de propiedade intelectual do episodio piloto do gañador para súa comunicación pública en crtvg.es.

 Esta iniciativa inscríbese dentro do proxecto Labovisión de Galicia, un laboratorio de innovación audiovisual posto en marcha en 2012 pola CRTVG co obxectivo de promover e apoiar o talento do noso país, orientado á procura e ao desenvolvemento de novas tendencias audiovisuais.

Galería de imaxes