CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Raio-Dépor e Lugo-Alcorcón, destacados na Radio Galega

31/08/2019

O domingo, a partir das 15.00 h, o fútbol da segunda división será o protagonista do 'Galicia en goles', que realizará un programa dobre

 

Raio-Dépor e Lugo-Alcorcón, destacados na Radio Galega

Santiago 29.08.2019.- Tras a retransmisión o venres do Sevilla - Celta, a fin de semana deportiva continúa na Radio Galega o sábado desde as 12.00h. A esa hora, a emisora autonómica pon en marcha o 'Galicia en goles', que dirixe Xoán Galán, co seguimento ao partido de Segunda División B entre o Celta B e o Melilla, correspondente á segunda xornada. A partir das 15.00 h, o programa estará pendente da semifinal do torneo de Milán de fútbol sala feminino entre o Burela e o campión da copa de Rusia. A Copa Galicia, mentres, será protagonista coas semifinais de balonmán e os oitavos de final de fútbol sala. Desde as 20.00h toda a atención estará posta no derbi galego da Segunda B entre dous históricos, o Racing de Ferrol e o Pontevedra.

O sábado é día tamén para a revista do motor 'Gas a fondo'. Rodrigo Pérez, ás 23.00h, analizará o título de campión do mundo que revalidou a semana pasada o piloto de Lugo Jorge Prado. E ás 23.30h, Toni López García presentará unha nova entrega de 'Galicia en Toquio', dedicada aos deportistas galegos que compiten por acadar praza para os próximos Xogos Olímpicos.

O domingo tamén haberá programa dobre de 'Galicia en goles'. Ás 12.00h, o  interese da xornada matinal pasará por tres encontros de Terceira e un de Preferente Galicia. Desde as 15.00 h, o fútbol de Segunda copará o protagonismo. O Deportivo afronta a terceira xornada visitando ao Raio Vallecano, co obxectivo de mellorar a imaxe ofrecida o domingo pasado en Huesca. Mentres, o Lugo recibe o Alcorcón no Anxo Carro tras sumar dous empates no comezo ligueiro. O Coruxo-Inter Boadilla e a xornada de Terceira completan a oferta de retransmisións.

A partir das 21.00 h, 'Galicia en goles' abrirá os micrófonos para a opinión dos expertos, que continuará ás 23.00 h coa mesa de debate de 'Ao contraataque', dirixida por Pedro Pablo Alonso.