CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Premiere mundial da serie da Televisión de Galicia 'Auga seca' no Mipcom de Cannes

16/10/2019

Esta coprodución galego-portuguesa é un drama policial sobre o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial

Neste mercado audiovisual converxe cada mes de outubro a industria global de medios e entretemento para compartir catro días de intercambio, reunións, proxeccións e conferencias e para tecer redes

Premiere mundial da serie da Televisión de Galicia 'Auga seca' no Mipcom de Cannes

Santiago, 16.10.2019.-    A serie da Televisión de Galicia 'Auga seca' presentouse hoxe mundialmente no Mipcom de Cannes, onde cada mes de outubro converxe a industria global de medios e entretemento para compartir catro días de intercambio, reunións, proxeccións e conferencias e para tecer redes. Deste xeito, esta coprodución entre a produtora galega Portocabo e a portuguesa SPi para a TVG e a RTP está presente no mercado audiovisual francés, un dos máis importantes do mundo.

O screening desta ficción no mercado posiciónase como un dos pratos fortes do Mipcom, ao lado da esperada serie belga 'Blackout' e a xaponesa 'An artist of the floating world', adaptación da novela homónima do Nobel de literatura Kazuo Ishiguro.

'Auga seca' é un drama policial sobre o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, onde Teresa -a actriz portuguesa Vitoria Guerra- se verá envolta nunha trama onde nada é o que parece. Guerra traballa ao lado dos recoñecidos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Os intérpretes españois Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias e Adrián Ríos e os portugueses Adriano Luz, Joana Santos e Igor Regala son algúns dos nomes que completan o elenco internacional desta serie.

Rodada entre Vigo e Lisboa, dúas cidades cunha ollada atlántica unidas nesta ficción transfronteiriza, 'Auga seca' reflexiona sobre a familia e a moral nun universo onde nada nin ninguén é o que parece e onde todos buscan coñecer a verdade.

Baixo a dirección de Toño López, con Alfonso Blanco, de Portocabo e José Amaral, de SP-i, na produción executiva, 'Auga seca' conta cun equipo técnico que acaba de rodar series de gran calidade como 'Hierro' ou 'Fariña'. Sumando forza a este equipo internacional atópanse destacados profesionais do grupo SP Televisão, ao que pertence SP-i, cuxas series foron premiadas nos prestixiosos International Emmy Awards.