CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Partindo do asasinato de Bernardino Pousa, 'Na Mente do Asasino' abordará hoxe a mentalidade criminal de quen mata por encargo e de quen paga por matar

01/12/2020

En setembro de 2011, a este condutor de autobuses de Verín estábao agardando un sicario na cocheira a onde volvía despois dun servizo

Partindo do asasinato de Bernardino Pousa, 'Na Mente do Asasino' abordará hoxe a mentalidade criminal de quen mata por encargo e de quen paga por matar

Santiago, 01.12.2020.-      O caso do que partirá hoxe o programa ‘Na Mente do Asasino(22.40 h) é o de Bernardino Pousa, un veciño de Verín a quen, un domingo de setembro de 2011, o estaba agardando un sicario na cocheira de autobuses en que traballaba cando regresaba dun servizo desde a praia viguesa de Samil.  

Abordouno cando baixaba do vehículo, deulle máis dunha vintena de golpes antes de cortarlle o pescozo e acabar coa súa vida. Uns 6.000 euros foi o prezo pactado co sicario, unha modesta cantidade que leva a pensar o barato que pode saír este tipo de crimes.

Coas intervencións do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral, do garda civil José Luis Ferreiro, do xornalista Javier Fraiz e do avogado Jorge Temes, entre outros, o espazo da TVG afondará neste caso e nos detalles dos feitos.

A continuación, na mesa de debate de ‘Na Mente do Asasino’, intentarán esclarecerse cuestións como: É tan sinxelo como pode parecer contratar un sicario? É posible facelo sen deixar rastro? En que se diferencia a mentalidade criminal de quen mata por cartos de quen paga por matar? Para analizar estes temas, o programa contará coa participación do policía nacional Santiago Reboyras, da avogada Verónica Suárez, do psicoanalista e psicólogo clínico Manuel Fernández Blanco e do enxeñeiro Bernardo Viqueira.