CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os ritmos estivais de King África e a proposta íntima e elegante do grupo Vudú, esta noite en 'Bamboleo'

17/08/2019

O programa presentado por Lucía Regueiro estará amenizado durante toda a velada pola orquestra Passarela

Os ritmos estivais de King África e a proposta íntima e elegante do grupo Vudú, esta noite en 'Bamboleo'

Santiago, 17.08.2019.-   O espectáculo e o entretemento familiar serán protagonistas, un sábado máis, na TVG co programa ‘Bamboleo’ (22.00 h.), que hoxe recibirá a visita do incombustible artista arxentino King África, pai da banda sonora de moitos veráns, que volve apostar polos ritmos estivais con ‘Cocodrilo’, canción que interpretará esta noite, ademais de ‘Bomba’.

Presentado por Lucía Regueiro e cun elenco de colaboradores que se apoderarán do escenario, o ‘Bamboleo’ desta noite contará tamén coas actuacións da orquestra Passarela e do grupo Vudú, que ofrece un estilo íntimo e elegante. No seu primeiro disco editado, ‘Vudú Vol III’, combinan letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas con ritmos pop, percusións electrónicas e pingas de jazz e soul.

Por outro lado, nas seccións habituais do programa, ‘Agora ou Nunca’ amosará o potencial artístico de Olga Blanco, co tema ‘Punto de partida’, de Rocío Jurado; e de Luís Alberto Pazos, que interpretará ‘El sitio de mi recreo’, de Antonio Vega.

Ademais, na ‘ITV do amor’, o público terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; Julia e Miguel competirán cantando con karaoke en ‘A Jrileira’, neste caso coa canción ‘Corazón latino’, de David Bisbal, e Charlie e Vero, pola súa banda, participarán no ‘Dirtidansi’ bailando salsa e cunha coreografía romántica.