CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos galegos súmanse á festa das Letras cunha programación especial durante esta semana

12/05/2014

A TVG ofrecerá dous documentais sobre Xosé María Díaz Castro e senllas edicións especiais dos programas culturais “ZigZag Diario” e “ZigZag-Eirado”, ademais de emitir dúas pezas de animación baseadas nos versos do escritor

 

A Radio Galega, que realizou un intenso traballo de recuperación de gravacións orixinais do autor, programa o venres unha edición monográfica do “Diario Cul

Os medios públicos galegos súmanse á festa das Letras cunha programación especial durante esta semana

Santiago, 12.05.2014.-    Un ano máis, os medios públicos galegos vólvenlle prestar unha grande atención ao Día das Letras Galegas, cunha programación especial, durante toda esta semana, dedicada ao autor homenaxeado este ano, o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro (1914-1990), artífice dun dos cumios da poesía galega moderna, a obra “Nimbos”. Ademais da cobertura informativa dos principais actos e actividades que se desenvolvan ao longo da semana con motivo da efeméride, a Televisión de Galicia achegaralles aos espectadores, a través de distintos programas especiais e documentais, a vida e obra do escritor natural de Guitiriz.

Así, Díaz Castro será o protagonista do espazo “Cada día un libro” desde hoxe ata o venres; mentres que o espazo cultural da tvG2 “ZigZag Diario” ofrecerá ao longo de toda a semana entrevistas a distintos persoeiros, de diferentes disciplinas artísticas, relacionados dalgún xeito co autor homenaxeado. O punto de partida será este luns cunha entrevista ao presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

O venres, véspera do Día das Letras Galegas, emitirase, a continuación do “Telexornal Mediodía”, “O instante eterno”, un documental de carácter biográfico sobre Xosé María Díaz Castro, realizado por Xosé Antón Cascudo.

Na xornada do 17 de maio, onde se concentran a maior parte dos actos conmemorativos, a segunda canle da Galega ofrecerá, ás 00.30 h., a ópera subtitulada en galego “A paixón segundo San Xoán”, de J.S. Bach. A continuación do “Telexornal Mediodía”, sobre as 15.15 h., porase en antena unha edición especial do programa “ZigZag Diario”, de media hora de duración, centrada na figura de Díaz Castro.

Xa pola noite e na tvG2, a versión semanal deste espazo, “ZigZag-Eirado”, terá como protagonista a Armando Requeixo, editor, estudoso e analista da obra de Díaz Castro. O programa pecharase co devandito documental “O instante eterno”, que se ofrecerá na súa versión longa, dunha hora de duración.

Finalmente, a canle autonómica emitirá o domingo pola mañá o documental titulado “Reubicando a Díaz Castro”, de Gonzalo Veloso, un percorrido vital sobre este autor; e estreará pola noite a película galega “Vilamor”, de Ignacio Vilar.

Ademais, desde hoxe e ata finais de maio, a TVG ofrecerá as dúas pezas audiovisuais realizadas a partir dos versos do escritor pola produtora Algarabía. Estes microespazos animados, que foron presentados o venres pasado pola directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, baséanse en versos de dous poemas de Díaz Castro pertencentes á súa obra “Nimbos”.

Radio Galega

Pola súa parte, a Radio Galega, que xa desde o comezo do ano puxo en marcha diversas iniciativas e espazos que permitisen un maior coñecemento do autor que este ano centra a celebración do Día das Letras, intensificará durante esta semana a emisión de espazos específicos e na véspera do 17 de maio emitirase unha edición monográfica do programa “Diario Cultural”.

Así, o próximo venres, no espazo presentado por Ana Romaní, confluirán distintas versións sobre o escritor nun percorrido biográfico e literario elaborado con sons e textos, paisaxes sonoras da súa terra natal, lecturas dos poemas do autor e análise do seu labor como tradutor durante o período de residencia en Madrid e no seu regreso a Galicia nos anos 80.

Con motivo da homenaxe a Díaz Castro, o “Diario Cultural” fixo unha intensa labor de pescuda á procura das poucas gravacións que se conservan do autor. Así, o corpus do especial do venres e dos distintos espazos que se ofreceron desde comezos de ano está conformado por documentos sonoros recuperados do arquivo da CRTVG e por gravacións históricas cedidas por outras entidades.

Canle temática na web

A web da CRTVG tamén se suma á celebración do Día das Letras Galegas cunha canle temática que amosa todos os contidos de vídeo e audio realizados pola TVG e a Radio Galega dedicados a Díaz Castro. Desenvolveuse tamén unha “landing page” que permite visualizar todo o que acontece na Internet coa etiqueta #LetrasGalegas14, tanto en Twitter coma en Youtube e Instagram.

Ademais, as contas oficiais de Twitter e Facebook da CRTVG, TVG e Radio Galega estarán durante toda a semana moi activas apoiando e promovendo todas as accións relacionadas coas Letras Galegas nas redes sociais, co obxectivo de contribuír ao enriquecemento, á calidade e á cantidade de contidos en galego en prol da defensa da identidade galega na internet.