CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos galegos mobilizan hoxe 300 profesionais para a cobertura da xornada electoral

22/05/2011

 

Ás oito da tarde TVG e a Radio Galega ofrecerán unha sondaxe de intención de voto realizada a pé de urna nas sete cidades galegas e en grandes capitais españolas

Seguimento ao longo do día e programas especiais ao peche dos colexios electorais marcarán a oferta informativa, que se complementa cunha canle específica na web da CRTVG

 

Os medios públicos galegos mobilizan hoxe 300 profesionais para a cobertura da xornada electoral

 

Santiago, 22.05.2011.- Os medios públicos galegos ofrecen este domingo unha programación de marcado contido electoral. Desde as 09.00 horas e ata a media noite, a Televisión de Galicia e a Radio Galega realizarán un amplo despregamento técnico e humano que mobiliza preto de 300 profesionais para informar tanto dos comicios en Galicia coma no resto das comunidades autónomas.

Con este cometido, a canle pública galega dispón dun completo operativo de 230 persoas, que cubrirán practicamente todo o territorio galego, para achegar todos os datos de votacións, participación, conexións cos colexios electorais das 4 provincias e co Centro de Datos de Madrid e incidencias da xornada, a través de distintos espazos informativos e do programa Especial Eleccións, que desde o peche das mesas electorais ofrecerá, polo miúdo e en tempo real, todos os resultados que se vaian xerando.

O primeiro contacto informativo coa xornada electoral establecerase no "BOS DÍAS" (09.00h), presentado por Francisco López Iglesias, para amosar a apertura dos colexios electorais dando paso ás primeiras conexións en directo, tamén co Centro de Datos de Madrid. Desde o espazo "A REVISTA FIN DE SEMANA", a partir das 13.00 horas, Irene Lourido conducirá unha rolda de conexións en vivo polos colexios das sete cidades galegas, ademais de informar sobre as eleccións no resto de España.

No "TELEXORNAL MEDIODÍA" (14.25h), Francisco López Iglesias e Irene Lourido verterán os primeiros datos de participación, imaxes das votacións dos líderes políticos galegos e dos principais representantes políticos de fóra de Galicia, así como información sobre as eleccións municipais e os comicios autonómicos nas outras comunidades. Ás 18.30 horas ampliarase esta información nun "ADIANTO INFORMATIVO", conducido por Irene Lourido.

Será a partir das 19.45 horas, desde o estudio 5 da TVG, cando o "PROGRAMA ESPECIAL ELECCIÓNS" transmitirá, dun xeito detallado e en tempo real, toda a información que se vaia xerando. Ao peche das mesas electorais, Ana Pérez e Alfonso Hermida ofrecerán os resultados dunha sondaxe de intención de voto encargada pola TVG, en colaboración coa FORTA –Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas-, á empresa IPSOS España, para as sete grandes cidades de Galicia e para as localidades elixidas polas restantes televisións autonómicas. Os datos desta enquisa serán obxecto de debate por Xosé Luís Barreiro, Javier Sánchez de Dios, Xaime Pita, Milagros Otero e Tucho Calvo, analistas que estarán presentes no estudio, nun faladoiro moderado polo xornalista Xaime Arias.

Toda a información continuada que chegue ao estudio ofrecerase de xeito gráfico, a través dunha pantalla xigante e dúas táctiles, coas que interactuarán os condutores deste programa especial. Desta maneira, achegarase o escrutinio dos 315 concellos galegos, os resultados das municipais e autonómicas no resto de España, conexións en directo co Centro de Datos de Madrid, cos cuarteis xerais dos partidos galegos, e coas sedes centrais dos partidos en Madrid para dar conta das reaccións inmediatas que se produzan ao longo da noite en calquera punto.

A información de carácter electoral intercalarase con outras informacións do día, atendendo especialmente á actualidade deportiva, por ser esta unha data crucial.

A XORNADA NA RADIO GALEGA

Desde o inicio da xornada electoral na emisora pública galega, ás 09.00h, informarase puntualmente, cada media hora, en "BOLETÍNS INFORMATIVOS", desde a apertura das mesas electorais; pasando polas votacións dos líderes dos tres partidos galegos con representación parlamentaria, dos alcaldes das principais cidades e vilas galegas e doutros persoeiros da vida política galega, ata as porcentaxes de votacións grazas ás continuas conexións co Centro de Datos de Madrid. En "A CRÓNICA DAS DÚAS" (14.00h), realizarase un amplo resumo da xornada, para seguir pola tarde con "Boletíns Informativos", cada hora. A información electoral combinarase tamén na Radio Galega co seguimento da actualidade, en especial a deportiva.

Ás 19.58h iniciarase o "PROGRAMA ESPECIAL ELECCIÓNS", cos resultados da enquisa sobre intención de voto e recollendo as primeiras valoracións nas sedes dos partidos políticos de Galicia e do resto de España. Tres convidados, os ex alcaldes Xosé María Rivera Arnoso, X. Manuel Veiga Pombo e Joaquín García Díez, analizarán desde o estudio da Radio Galega estes primeiros resultados. Ao longo deste especial desenvolverase un segundo faladoiro en que intervirán Rosana Salgueiro, Luís Rego, Xaime Subiela e Xosé Videla, para despezar os datos definitivos. A partir das dez da noite, a emisora pública dará unicamente información de contido electoral.

OS DATOS, EN TEMPO REAL, NA WEB DA CRTVG

A páxina web da CRTVG será unha terceira canle dos medios públicos galegos que, non só permite recibir en directo os programas especiais da TVG e da Radio Galega, senón que ademais abranguerá todos os datos da xornada en tempo real. Os usuarios da rede poderán consultar unha sección especial da web sobre o 22-M.